O ambiente dos barrios marxinais de Ferrolterra mudou por unha noite a Pontevedra. Fíxoo da man da compañía teatral Obras Públicas, protagonista dunha nova e exitosa cita co ciclo Ponteatro. O Teatro Principal encheu as súas butacas de espectadores desexosos de coñecer por que a obra Bye bye, honey está a colleitar tan boas críticas desde a súa estrea e o seu paso por varios concellos galegos.
Foi un espectáculo que, sen dúbida, non deixou indiferente a ninguén e arrincou numerosos aplausos ao seu remate. Non era para menos. O bo facer do seu elenco actoral, encabezado por Iolanda Muíños, César Goldi e Carlos Mosquera, e a música ao vivo que acompaña a obra, composta especificamente para esta montaxe teatral, fixo as delicias do público.
En Bye bye, honey, nos presentaban a historia de Marta, unha rapaza procedente dunha familia desestruturada, cun pai alcohólico e un irmán 'ionqui' que decide irse de casa e se busca a vida como pode en bares de estrada. A súa aspiración é converterse en cantante de orquestra e emprenderá un incerto camiño para conseguilo.
Unha obra crúa, aceda e descarnada que, co éxito de público e crítica que acadou en Pontevedra, fortalece aínda máis a oferta do ciclo Ponteatro, que chegará á súa fin o próximo xoves 18 de decembro coa obra Improperio D.F., da compañía Tiatreros.