O disparatado 'Improperio D.F.' invade Pontevedra coa súa divertida aposta pola improvisación teatral

Pontevedra
19 de decembro 2014

Os gobernantes do disparatado Improperio Distrito Federal realizaron este xoves toda unha misión diplomática en Pontevedra. Ese era divertido punto de partida de Improperio D.F., a obra de teatro coa que a compañía Triatreros puxo o broche de ouro ao ciclo Ponteatro

Representación de "Improperio D.F." de Triatreros no ciclo Ponteatro
Representación de "Improperio D.F." de Triatreros no ciclo Ponteatro / Diego Torrado

Os gobernantes do disparatado Improperio Distrito Federal realizaron este xoves toda unha misión diplomática en Pontevedra. Lograron encher o Teatro Principal en busca de novos habitantes para o seu país, un territorio onde o único requisito para formar parte del é saber improvisar. Ese era divertido punto de partida de Improperio D.F., a obra de teatro coa que a compañía Triatreros puxo o broche de ouro ao ciclo Ponteatro.

Sobre o escenario, unha mesa, catro cadeiras, catro actores -Bea Campos, Omar Ferrín, Miguel Canalejo e Tone Martínez-, e un músico. E no patio de butacas un público que, dende o primeiro momento, se entregou por completo á tola e extravagante experiencia que lle propoñían os mozos protagonistas: crear unha serie de sketches a partir dunha premisa ou dunha situación aleatoria e decidida por persoas elixidas ao azar.

O fío condutor do espectáculo foron catro políticos desta sociedade imaxinaria. Recoñecen directamente que son corruptos, pero aseguran ter solucións para todos os problemas dos seus habitantes, empregando como ferramenta a improvisación.

No caso de Pontevedra, por exemplo, tiveron que axudar a unha muller que non chegaba co fin de mes, a outra adicta ao baile ou a un home cuxo veciño facía moito ruído co batedor. E a cada cal deles, poñendo en escena unha proposta igual de surrealista que divertida.

O espectáculo viuse reforzado, como vén sendo habitual, pola intervención musical de Davide González, que ademais compuxo o himno do seu distrito co que se iniciou e concluíu a obra, xa co público en pé e aplaudindo durante varios minutos.