Cabos Soltos segue 'dando a nota' e programa cinco novos concertos para comezar o mes de abril

Pontevedra
30 de marzo 2022

O día 1 actuará Generación Perdida na Pomada, o día 3 farao Guateque Big Band no mercado e o sábado seguinte será a quenda de Rusty James & Fringe na Praza Celso García de la Riega ás 13 horas, de Los Tonidust no Pavero ás 17 horas e de La Mosca Valiente no Chester ás 20.30 horas

Concertos de Cabos Soltos
Concertos de Cabos Soltos / Diego Torrado

Cabos Soltos continúa funcionando en Pontevedra como un dos programas municipais máis activos no eido cultural e de ocio.

É un sistema de programación mediante o cal poden ser celebrados concertos, monólogos, mostras e outras citas de relevancia cultural dentro do  establecementos pontevedreses, na procura dunha rede de actividade dinámica e activa da que gozar ao longo de todo o ano e todos os días.

Nesta ocasión, o Concello de Pontevedra promove directamente varios concertos ao longo das próximas fins de semana xerando un programa que é complementado cos concertos que outros  Establecementos xa tiñan axendados e que en conxunto prometen dar unhas xornadas de ocio diverso e diferente.

A programación comezará o venres 1 coa actuación de Generación Perdida no pub La Pomada a partir das 21.30 horas e seguirá o domingo no Mercado co concerto, ás 13 horas, de Guateque Big Band.

Á fin de semana seguinte, o sábado 9, a praza Celso García de la Riega acollerá, ás 13 horas, o directo de Rusty James & Fringe. E ese mesmo día pola tarde terán lugar os concertos de Los Tonidust, ás 17 horas no Pavero; e de La Mosca Valiente, ás 20.30 horas no Chester.

Alén destas citas e actuacións, promovidas de xeito directo polo Concello, cómpre engadir as propostas que de xeito habitual son programadas polos establecementos da cidade e que poden ser consultadas na páxina oficial de Cabos Soltos xunto co seu calendario, punto de encontro referente para coñecer as actividades deste programa.