O Casal de Ferreirós, a poucos metros da rúa Rosalía de Castro, foi este xoves o lugar elixido polo Concello de Poio para conmemorar o Día de Rosalía, no que se recorda o seu nacemento o 23 de febrero de 1837.
Os actos incluíron unha lectura colectiva do poema 'Miña casiña, meu lar'. Representantes das asociacións Moureante, SDC Samieira e AAVV de Lourido foron as encargadas de ler a fragmentos esta obra.
Acompañáronas ás concelleira de Mocidade e Novas Tecnoloxías, Tamara González, a edila do PSOE Silvia Díaz e a bibliotecaria de Poio, Macarena Ferreiro.
A continuación, o cociñeiro Javier Couselo, do restaurante La Nueva Parada, de Combarro, elaborou o 'Caldo da Gloria', con caldo de osos de porco, tenreira e galiña, unto vello ou rancio, feixóns e verduras de tempada.
Esta actividade está inspirada no poema, no que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia. Tras a elaboración, houbo unha degustación colectiva de caldo.

Para rematar, a amenización musical correu a cargo do gaiteiro Álvaro Pérez, da agrupación Vides Novas.
Da homenaxeada destacou o alcalde de Poio, Ángel Moldes, que foi "unha muller precursora no seu tempo, desafiando as normas de unha sociedade que relegaba ás mulleres a un segundo plano e defendendo, de xeito incansable, a nosa lingua".
Ademais de destacar o seu papel feminista e en defensa de lingua, Moldes sinalou que "o seu legado non só perdura nos seus versos, senón tamén no profundo recoñecemento que hoxe sentimos cara a súa obra e a súa figura".
"Cada palabra que escribiu é un convite a reflexionar sobre o valor da nosa identidade e seguir defendendo o que nos define como pobo", destacou Moldes.
A concelleira de Cultura, Natalia Sabarís, puxo en valor a figura de Rosalía de Castro, "unha voz potente, valente e única" e sinalou que "é a nosa responsabilidade manter vivo o seu recordo: enxalzar a súa figura, visibilizar a súa obra e reinvindicar o seu legado”.