O "camiño de vida" do pintor Howard Ross exhíbese no Palacete das Mendoza

Pontevedra
18 de xullo 2026

O pintor canadense Howard Ross expón en Pontevedra unha colección de obras inspiradas na súa traxectoria vital. A mostra pode visitarse no Palacete das Mendoza até o 26 de xullo

Un dos cuadros do pintor canadense Howard Ross
Un dos cuadros do pintor canadense Howard Ross / Deputación de Pontevedra

Ata o próximo 26 de xullo o Palacete das Mendoza acolle unha exposición pictórica que recolle o "camiño de vida" do pintor canadense Howard Ross.

A mostra, titulada Inspiracións do Camiño, recolle cadros elaborados por este artista, afincado en Pontevedra, ao longo da súa carreira con diversidade de temáticas.

Así, nos seus cadros reprodúcense desde paisaxes da súa época no Canadá ata escenas máis recentes e de natureza máis abstracta.

Ross non fai traballo de campo, senón que pinta desde a súa imaxinación, aínda que os seus cadros sempre se baseen en algo real.

Utiliza a espátula para borrar partes das súas obras e así solapar pinturas máis recentes sobre outras máis antigas, chegando ás veces a convivir ata catro ou cinco cadros nun.

Howard Ross cun dos seus cadros
Howard Ross cun dos seus cadrosXunta de Galicia

Este proceso, ademais, faino desde a absoluta espontaneidade, sen saber nunca cal será o resultado do borrado e a posterior mestura.

Howard Ross naceu en Toronto, onde estudou Belas Artes na Universidade de Arte e Deseño, pero leva en Galicia preto de dúas décadas.

Na actualidade vive en Poio e ten o seu estudo na cidade de Pontevedra

A súa traxectoria profesional como artista, especializado en pintura, suma máis de catro décadas con exposicións tanto individuais como colectivas.

As súas obras atópanse en coleccións particulares de países como Canadá, Estados Unidos, Australia, Nova Zelandia, España, Portugal, Francia, Alemaña, Italia, Chile ou Xapón.

Esta mostra pode visitarse de luns a venres de 9:00 a 21:00 horas, en horario continuo, e os sábados, domingos e festivos en horario partido de 10:00 a 14:30 e de 16:30 a 20:00 horas.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora