Os participantes no campamento Miúdo Teatro subíronse este martes ao escenario do CC Xaime Illa, en Raxó, para mostrar ante as súas familias o traballo realizado durante a última semana.
A iniciativa, organizada polo Concello, achega os máis novos ao mundo da interpretación desde dentro participando en xogos de expresión corporal e dramatización, traballando a creatividade e a espontaneidade, e iniciándose na lectura e análise de guións.
Como punto e final á experiencia, os participantes representaron unha adaptación de 'Romeo e Julieta', de William Shakespeare, poñendo en práctica todo o aprendido durante uns días nos que actuaron e asumiron diferentes roles propios dunha compañía teatral.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, asistiu á función e destacou que esta actividade "ofrece unha oportunidade única para que a mocidade explore o mundo do teatro desde dentro, asumindo diferentes roles e descubrindo o valor do traballo en equipo, a creatividade e a expresión artística".
Ademais, lembrou que o programa, que se celebra por segundo ano consecutivo, busca que os nenos e nenas coñezan de primeira man todo o que implica formar parte dunha compañía, coñecendo o funcionamento dos equipos artísticos e técnicos, e participando na creación da escenografía, o vestiario, a maquillaxe e o cartel da obra.