Campaña de crowdfunding para levar á gran pantalla 'O estanque dos parrulos pobres', de Fina Casalderrey

Pontevedra
07 de febreiro 2025
Actualizado: 12:09

Cunha meta mínima de 10.000 euros, pretende cubrir os gastos da produción, que ten previsto a súa rodaxe nos próximos meses. A curtametraxe será rodada integramente en Galicia e en galego

A escritora Fina Casalderrey
A escritora Fina Casalderrey

A novela O Estanque dos Parrulos Pobres, da escritora pontevedresa Fina Casalderrey (Xeve, 1951), chegará á gran pantalla a través dunha curtametraxe do director e guionista Borja Ibrahim.

Para facelo realidade, a produtora, LineShy Productions, comezou unha campaña de crowdfunding a través da plataforma Platino Crowdfunding.

A campaña abriuse este xoves, 6 de febreiro, e durará até o 11 de marzo. Ofrece diversas recompensas para quen desexen apoiar o proxecto. Calquera dúbida ou aclaración recollerase a través do seguinte email: [email protected]

Márcase unha meta mínima de 10.000, cos que a produtora pretende cubrir os gastos relacionados coa produción, que ten previsto a súa rodaxe nos próximos meses.

A curtametraxe, de entre 25 e 30 minutos de duración, será rodada integramente en Galicia e en galego.

O director destaca que a historia de O Estanque dos Parrulos Pobres unha homenaxe que busca conectar con todos aqueles que viviron a experiencia da perda e o recordo".

Borja Ibrahim
Borja IbrahimLineShy Productions

Gañadora do Premio Edebé en 1996, a idea é que regrese 30 anos despois e "crear un conto visual que non só respecte o espírito da obra, senón que tamén sexa unha invitación a reflexionar sobre o amor, a vida e a despedida".

A película seguirá a Noema, unha nena curiosa e creativa que, a través dos seus ollos, explora o mundo coa inocencia propia da súa idade. Ao seu lado, o seu avó, un home sabio e cheo de vida, convértese no seu confidente. Xuntos, tratan un tema profundo como a morte cunha mestura de tenrura e humor, creando unha historia que resalta a importancia da familia, o amor e o valor dos recordos.

O Estanque dos Parrulos Pobres reflicte como, a través da conexión interxeracional, pódese atopar consolo e fortaleza nos momentos máis difíciles.

Desde a produtora destacan de Fina Casalderrey, natural de Pontevedra, que "é unha das grandes figuras da literatura infantojuvenil en Galicia" e conta cunha dilatada traxectoria con máis de sesenta títulos publicados e numerosos recoñecementos cmo o Premio Merlín por Dúas bágoas por máquina (1991), Premio O Barco de Vapor e Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil por O misterio dos fillos de Lúa (1996); entre outros.

Borja Ibrahim iniciou a súa etapa como director aos 14 anos e, desde entón, continuou o seu camiño cunha dedicación inquebrantable, convertendo cada novo proxecto nunha expresión profunda da súa visión artística. Rodou obras como Retrato de un Tiempo Bailado (2024), Retazos del Alma (2019) e Encanto Violento (2017), seleccionados en varios festivais. Tamén traballou en multitude de rodaxes de terceiros, en diferentes roles e formatos.