Fina Casalderrey e os 25 anos de historia de Kalandraka, polos de atención da Festa dos Libros 2023

Pontevedra
29 de xuño 2023

Vai celebrarse desde o venres 7 ata o domingo 9 de xullo na Ferrería coa participación de 109 escritores e escritoras, entre os que destacan Bob Pop, Arantza Portabales, Fran Alonso. Eli García, María Reimóndez, Alejandro Gándara ou Marcos Giralt Torrente, e trece librerías do municipio. Este xoves presentábase esta nova edición coa presenza do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez. 

649d62c7ca-20230629-patxot-festa-dos-libros-3219.jpg
649d62c7ca-20230629-patxot-festa-dos-libros-3219.jpg / Mónica Patxot

Regresa unha das citas máis agardadas polo público lector de Pontevedra, a Festa dos Libros. Será os días 7, 8 e 9 de xullo nunha carpa instalada na praza da Ferrería. 

Este xoves, Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, e Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura, con representantes de librerías e editoriais, presentaban no mesmo espazo esta nova edición que contará coa participación de trece librerías do municipio e a intervención de 109 escritores e escritoras de relevancia dentro do panorama literario galego como estatal con nomes tan destacados como Bob Pop, Arantza Portabales, Fran Alonso, María Reimóndez, Alejandro Gándara ou Marcos Giralt Torrente, neto de Gonzalo Torrente Ballester.

O horario matinal desta edición será de 11.00 a 14.00 horas, mentres que polas tardes o espazo permanecerá aberto ao público desde as 18.00 ata as 22.30 horas, agás o domingo en que concluirá a Festa dos Libros ás 22.00 horas.

Van acollerse diferentes actividades durante os tres días como recitais, contacontos, presentacións de libros, encontros, charlas e sinaturas de exemplares, dentro dunha ampla programación.

O venres de apertura, ás 12.30 horas, Kalandraka con motivo do 25 aniversario da existencia desta editorial pontevedresa desenvolverá un maratón de lectura e ilustración, moderado por Paz Castro, con diversas sorpresas.

Ás 19.15 horas, a escritora Fina Casalderrey manterá unha conversa coa autora Eva Mejuto sobre a súa exitosa traxectoria. Non será a única intervención da académica galega xa que tamén manterá un diálogo con Xosé Monteagudo, presentado por Fran Alonso, director de Xerais, sobre Pontevedra como materia prima para a creación literaria. Será ás 18.15 horas do sábado 8.

Alejandro Espiño, periodista de PontevedraViva, analizará cos autores na mañá do sábado os últimos traballos de Xosé Cabido, Branca Novoneyra, Eli García e Ismael Ramos.

Destaca tamén a proposta da asociación astronómica Sirio cunha observación solar durante a mañá do sábado 8. Empregarán un telescopio especial que permitirá ver o sol con seguridade a todas as persoas que se acheguen e queiran ver detalles da superficie desta estrela. Os escolares que participen terán a oportunidade de debuxar o que ven a través do instrumento especial de observación.

Ás 19.15 horas desa xornada vai desenvolverse un faladoiro sobre a figura de Francisco Fernández del Riego, presentado pola investigadora Malós Cabrera.

Tamén está prevista unha cita de café e debuxo coas ilustradoras Eli García, María Montes, Paula Cheshire, Rena Ortega e Nuria Figueiredo nunha intervención con propostas creativas lanzadas por Alba Blanco ás persoas adultas que queiran participar nesta sesión de debuxo.

Nee Barros foi a persoa encargada de coordinar Alguén nos lembrará: Antoloxía de relatos LGBTIQA+ con Alfredo Marques, Mario Elías e Cinthia E. Romero. Este encontro será moderado pola xornalista Sara Vila. O domingo ás 18.00 horas.

Ademais están previstos o concerto de Muzikanti Balishnik; un recital do Grupo das Lupercais e outro de Laura Cesarco Eglin, Andrea Nunes Brións e Lara Dopazo Ruibal.  

Vai aplicarse un 10% de desconto no prezo dos libros nunha festa que, segundo o alcalde de Pontevedra, figura xa como un referente para Galicia, parte de España e norte de Portugal. "Non se nos escapa, ou é case imposíbel que se escape, ningún autor ou autora galego que teña unha novidade no mercado literario do país. Só dicir que haberá máis de noventa actividades entre a que me prestaría destacar a actividade de Kalandraka Editora", explicou o rexedor.