Campaña para recadar fondos para o festival audiovisual MAC Marín

Marín
13 de xullo 2026
Actualizado: 8:44

A asociación Marín de Cine busca o apoio do público a través do micromecenado para financiar a quinta edición da mostra audiovisual

Equipo da quinta MAC MARIN
Equipo da quinta MAC MARIN / Asociación Marín de Cine

Unha campaña de financiamento colectivo en internet xa está en marcha a través da asociación Marín de Cine.

Os representantes do colectivo queren obter fondos para a quinta edición da Mostra do Audiovisual e Cinema de Marín (MAC Marín).

A proposta atópase dispoñible na plataforma Verkami e artéllase mediante diferentes opcións de colaboración para o público e os negocios locais.

As achegas económicas do público estrutúranse en cinco modalidades que inclúen pases para o festival e produtos de empresas colaboradoras.

As opcións abranguen dende o pago básico por dúas entradas con produtos como cervexa elaborada na provincia de Pontevedra ata categorías que incorporan a cota anual do Cineclub Marín, menús gastronómicos ou viños da adega Terras Gauda.

Os mecenas que opten polas achegas de maior contía aparecerán tamén nos créditos do festival.

A programación desta quinta edición, que durará cinco días durante o mes de agosto, contará coa proxección das longametraxes As Liñas Descontinuas, de Anxos Fazáns, e Así Chegou a Noite, de Ángel Santos, no Auditorio de Marín.

A organización tamén programará as curtametraxes Cousa Mala, de Gero Costas, e Furancho Bota Viño, das marinenses Elena Gallego e Mayka Braña, mentres que o resto das producións da Selección Oficial daranse a coñecer nas vindeiras semanas.

A Mostra incorporou ao seu equipo de traballo ao xestor cultural Miguel Abilleira e á técnica de son Saray Sequeiros. Ambos os dous profesionais integraranse nas tarefas de produción xunto aos fundadores do colectivo Marín de Cine, Josselyn Linarez e Dani Antelo.

 

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora