Cinco anos despois do seu nacemento, o festival MAC Marín alcanza a súa madurez convertido nun espazo de ideas e experiencias, que acolle a novos creadores, cineastas e artistas visuais que procuran novas formas de narrar o mundo.
Con ese mesmo espírito, os seus organizadores xa están a preparar a súa quinta edición que, tal e como avanzan, chegará con novidades substanciais.
As datas previstas para a súa celebración serán no mes de agosto, como vén sendo habitual, "cando Marín se converte nun escenario natural de luz e memoria", subliña o seu director, Dani Antelo.
A nova imaxe do MAC Marín, aínda en segredo, fará unha homenaxe ao verán marinense, a esa sensación de liberdade e descubrimento que define tanto a infancia como a creación artística.
"Marín é verán e queremos enfatizar esta idea desde o festival", engade Antelo.
O festival, organizado polo Club Audiovisual Marín de Cine reforzará a súa aposta polas novas narrativas, desde o cine expandido ata a performance visual, a intelixencia artificial ou os formatos híbridos.
Será unha edición "que non só se verá, senón que se vivirá", adianta o seu director, convidando ao público a mergullarse en experiencias que transcenden a pantalla.
Ademais, esta quinta edición estará enfocada cara ao cinema europeo.
Desde o club pretenden continuar traballando co Concello de Marín para que se sume a esta nova etapa que pretende fortalecer a identidade da vila a través do festival.