Cancelados os concertos de Ele e Manel do ciclo Matinés do Principal a causa das novas restricións

Pontevedra
11 de novembro 2020

Estes recitais estaban programados para o 21 de novembro e 12 de decembro no Teatro Principal. A organización sinala que o importe das entradas adquiridas devolverase de maneira automática nun prazo máximo de 15 días

A compositora Ele
A compositora Ele / https://www.elemusica.com/

A cuarta edición do ciclo As Matinés do Principal cancélase debido ás novas restricións establecidas pola Xunta de Galicia ao longo de, polo menos, un mes. A organización decidiu levar a cabo esta decisión porque, aínda que consideran que a cultura é segura, deben seguir as recomendacións sanitarias, segundo expoñen nun comunicado.

A edición deste ano traía ao Teatro Principal nestas sesións matinais para un público familiar á cantante, compositora e pianista Ele e á prestixiosa banda catalá Manel. Os concertos estaban previstos para o 21 de novembro e para o 12 de decembro, respectivamente. 

O importe das entradas que xa foran adquiridas devolverase de maneira automática nun prazo máximo de 15 días, segundo apuntan desde a organización.

Sinalan que o obxectivo é que  As  Matinés  do Principal regresen máis pronto que tarde e que esta suspensión é un "pause" neste evento que promove a integración entre os artistas e as persoas asistentes aos concertos, promovendo tamén que os locais de hostalería do centro histórico saian beneficiados con estas actuacións matinais.