Volven as Matinés con Balthazar e Maika Makovski, pero no Pazo da Cultura

Pontevedra
08 de setembro 2021

A banda belga de rock alternativo Balthazar e a compositora, instrumentista, cantante e presentadora española Maika Makovski serán os encargados de recuperar o ciclo de música das Matinés que cambia o seu habitual emprazamento para mudarse ao Pazo da Cultura por cuestións de aforo

Concerto de Maika Makovski no Pazo da Cultura
Concerto de Maika Makovski no Pazo da Cultura / Diego Torrado

A banda belga de rock alternativo Balthazar e a compositora, instrumentista, cantante e presentadora española Maika Makovski serán os encargados de recuperar o ciclo de música das Matinés que cambia o seu habitual emprazamento para mudarse ao Pazo da Cultura por cuestións de aforo.

A concelleira de Cultura, Carme Fouces, e o responsable de iRadia Crea, Carlos Montilla, presentaron este mércores en rolda de prensa a programación das Matinés.

É a quinta edición deste espectáculo matinal que tan boa resposta tivo por parte do público. "Un formato que agora están a copiar outros concellos e alegrámonos moito", dixo Fouces.

A concelleira de Cultura sinalou que o perfil dos dous grupos é "moi acaído para as Matinés" resaltando aspectos colaterais, no caso de Maika Makovski, como o seu compromiso coas causas ecoloxistas e de protección do medio ambiente.

O sábado 30 de outubro será o concerto de Balthazar e o sábado 4 de decembro o de Maika Makovski que repite na cidade de Pontevedra pois anteriormente xa estivo no ciclo Voices.

As entradas para cada espectáculo teñen un prezo de 16 euros.

Unha das razóns do traslado das Matinés ao Pazo da Cultura é o maior aforo que permite este recinto. Agora mesmo no auditorio permitiríase ocupar case 400 butacas, pero a evolución positiva da pandemia alimenta as esperanzas de que se poida aumentar o aforo ao 75% da súa capacidade co que podería asistir máis público.

Outra razón son as obras de mantemento no Teatro Principal previstas para o mes de novembro que forzaron ao Concello a trasladas ao Pazo dá Cultura a programación de actividades e espectáculos.

O responsable da programación das Matinés, Carlos Montilla valorou positivamente a recuperación paulatina da actividade cultural e destacou que no caso de Balthazar é a primeira visita que fan a Galicia, sendo unha das bandas presentes nos carteis dos máis grandes festivais de música a nivel internacional polo que se espera que sexa un reclamo que atraia a moito público de fóra da cidade e mesmo de fóra de Galicia.

Respecto a Maika Makovski dixo que é "unha das propostas nacionais de máis calidade, máis identidade e persoais que existen no panorama musical". No Pazo daCultura presentará o seu último traballo presentado o pasado mes de maio.