O Festival Internacional da Lusofonía Cantos na Maré desenvolverase en diversos espazos da cidade a partir do xoves 11 e ata o domingo 14 de outubro ofrecendo un novo formato no que se abre a novos públicos e a outros estilos musicais.
A directora musical Uxía Senlle e o produtor Vítor Belho, de Nordesía Produccións, explicaban este luns as propostas desta edición que se iniciará ás 20.30 horas deste xoves 11 no Auditorio do Pazo da Cultura a solista Teresa Salgueiro, a ex cantante de Madredeus, que ofrecerá un percorrido por clásicos da música popular portuguesa.
O venres, o programa de concertos iniciarase ás 20.00 horas no espazo Baixamaré con Vudú, para continuar media hora máis tarde cunha homenaxe á figura de Cesária Évora, no que participan Lucibella, Elida Almeida e Lura e músicos que acompañaron á extraordinaria cantante caboverdiana.
Ás 21.30 horas, o concerto de Ultramaré acolle un concerto de hip hop feminino con Capicua e Eva Rap. Ás 22.45 serán Vudú os que volverán actuar mentres que ás 23.00 horas en Ultramaré os protagonistas serán Eladio y los seres queridos, García Mc, "Nación Quilombo" e Alejandro Vargas. A xornada finalizará con DJ Mil "Phonorama".
A cita musical continuará o venres 12. Unha data festiva que Víctor Belho espera que sirva para que afeccionados á música doutros puntos do territorio se acheguen a Pontevedra para gozar deste encontro no que se aúnan culturas hispanas e lusas. Ás 20.00 horas, Baixamaré ofrece o recital de Os Meninos. Selma Uamusse actuará ás 20.30 en Ultramaré. Un dos concertos máis esperados será o de Chico César, ás 21.30 horas no Auditorio. Chico César é un símbolo de Cantos na Maré desde o seu inicio e realizou un simpático vídeo de presentación.
Mercedes Peón actuará a partir das 22.30 horas en Ultramaré coa presentación do seu último disco. A ese mesmo escenario subirán Throes e The Shine, ademais de Riot DJ Set.
O domingo finalizarán os concertos cun espectáculo no que participan Th-Thurdâ, Kepa Junquera, Uxía, Selma Uamusse, Chico César, Celina da Piedade e Tanxugueiras. Será a partir das 20.30 horas no Auditorio do Pazo da Cultura. A todas estas citas musicais hai que sumar as actividades alternativas que se realizarán no Museo de Pontevedra e un foro no que participarán diferentes entidades que debaterán sobre o espazo que comparte a cultura lusófona.
Uxía Senlle e Vítor Belho coincidiron en considerar este evento como un mini encontro das nacións en relación á temática cultural e musical. O orzamento desta edición sitúase en 200.000 euros.
As entradas para Cantos na Maré xa están á venda e van a un bo ritmo. Os abonos para todos os espectáculos ten un prezo de 50 euros mentres que os concertos ofrecen prezos que van desde os 9 aos 18 euros.