Xa está en marcha a maquinaria do décimo Cantos na Maré, que terá lugar o vindeiro sábado 12 de xaneiro ás 21:00h. no Pazo da Cultura de Pontevedra. Os artistas convidados ensaiarán nos vindeiros días un repertorio único e irrepetible, especialmente deseñado para a ocasión. O programa do décimo aniversario de Cantos na Maré inclúe os grandes temas dos catro artistas convidados: Rui Veloso (Portugal), Chico César (Brasil), Cheny Wa Gune (Mozambique) e Sés (Galicia).
Baixo a dirección artística de Uxía e musical de Paulo Borges, soarán entre outras cancións a coñecida "Porto sentido" do portugués, o inconfundible "Mamá África" do brasileiro; e mais "Jindji jindji" do mozambicano e "Tempestades de sal" da galega, ambos incluídos nos seus respectivos primeiros discos.
As súas catro voces, xunto coa de Uxía, sonarán no escenario acompañadas por unha banda de músicos tamén internacional formada por: Paulo Borges (Portugal), director musical do certame e pianista; Berg (Portugal), guitarrista habitual de Rui Veloso; José Manuel Díaz (Cuba), contrabaixista; Joaquim Teles "Quiné" (Portugal), batería e percusión; e Sérgio Tannus (Brasil), guitarra, viola caipira e cavaquinho.
O festival traerá consigo outras sorpresas, como diferentes duetos entre os artistas convidados e mais a intervención especial de Dani Black, que vén acompañando a Chico César. Black é un xoven artista de São Paulo, que con tan só 25 anos destaca pola súa peculiar voz, o seu carisma no escenario e unha perspectiva musical que vai do sofisticado ao popular.
De aquí ao venres día 11 restan os últimos días para a compra anticipada de entradas a través do servizo www.servinova.com e o teléfono 902 504 500. O prezo da entrada anticipada é de 25 euros. No despacho de billetes poderanse adquirir a 30 euros o mesmo día do concerto, no Pazo da Cultura, dende as 19:00h ata o comezo do espectáculo.