O aniversario do plebiscito do Estatuto de 1936, o primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia do que se cumpren 90 anos, motivou este domingo un acto do Bloque Nacionalista Galego (BNG) en Pontevedra.
Coa súa portavoz nacional á cabeza, Ana Pontón, a organización nacionalista reivindicou a necesidade dun "novo status" para Galicia que avance no autogoberno recoñecendo a plurinacionalidade do Estado e a condición de nación para Galicia.
"Un novo status para Galiza que diga si a que os galegos e galegas teñamos na nosa man a posibilidade de tomar aquelas decisións que nos afectan no noso día a día sen interferencias centralistas, que diga si a ter a chave dos nosos cartos aquí e non en Madrid e, en definitiva, que diga si a Galiza, igual que este pobo dixo si hai 90 anos a un novo marco político que abría a porte a gobernar nós a nosa terra", defendeu Pontón.
A líder do BNG criticou que mentres Euskadi e Cataluña conseguían 31 e 16 novas competencias, respectivamente, "os gobernos de Feijóo e Rueda sumaron tan só unha, e non completa, en 17 anos".
"O Partido Popular, coa súa subordinación a Madrid, está convertendo a Galiza nunha nacionalidade histórica de segunda", afirmou Ana Pontón defendendo que nin si queira se cumpre o establecido no actual Estatuto.

Neste sentido sinalou que son máis de 50 as novas competencias que están recollidas pero que non se aplican, a pesar de que se exercen noutras comunidades ou de que exista un acordo para o seu traspaso no Parlamento Galego.
Trátase de competencias que afectan ao día a día dos cidadáns "como o ferrocarril, as autoestradas, os portos de interese xeral, os aeroportos, o tráfico, a meteoroloxía, a inspección de traballo, o salvamento marítimo e a loita contra a contaminación mariña, ISM, o ingreso mínimo vital, a inmigración ou a enerxía", explicou.
O BNG aproveitou o acto para facer tamén un exercicio de memoria lembrando aos galegos que participaron en 1936 no plebiscito do Estatuto pero tamén a personaxes como Castelao e Alexandre Bóveda, agora que o cadro 'A verdadeira leición do mestre' atópase en Pontevedra.
Un feito que foi usado por Ana Pontón para denunciar "a hipocrisía do PP de Rueda" por celebrar as figuras de Bóveda e Castelao "cando en realidade lles nega o recoñecemento que merecen", como cando lle foi negada a Castelao a condición de primeiro presidente de Galicia ou votando en contra da oficialización do Día da Galiza Mártir.