A Comisión de Vivenda e Axenda Urbana do Senado aprobou unha moción impulsada pola senadora do BNG, Carme Da Silva, para reclamar ao Goberno central que utilice os terreos e inmobles de titularidade estatal dispoñibles en Pontevedra co obxectivo de ampliar o parque público de vivenda, especialmente mediante fórmulas de aluguer social.
A iniciativa, que saíu adiante durante a sesión da comisión, propón que a Administración Xeral do Estado mobilice os recursos inmobiliarios dos que dispón na cidade para contribuír a paliar as dificultades de acceso á vivenda.
O texto defende que esta actuación debe desenvolverse en coordinación coas administracións competentes, respectando as atribucións da Xunta e do Concello de Pontevedra.
Durante o debate, Da Silva argumentou que o Estado conta na cidade con diversos terreos e propiedades que poderían destinarse a usos residenciais públicos.
Entre eles citou a Finca do Teucro, unha parcela situada na Avenida de Uruguai, así como solos nas zonas de Campolongo e Mollavao.
Segundo defendeu a representante nacionalista, a incorporación destes espazos permitiría incrementar a oferta de vivenda pública en distintos puntos da cidade.
A moción aprobada tamén insta o Executivo a formalizar un convenio de colaboración coa Xunta para promover e xestionar as futuras actuacións residenciais.
O obxectivo é que as vivendas resultantes de desenvolvementos en terreos procedentes da SAREB e dos ministerios de Facenda e Defensa se integren nun parque público de vivenda de carácter permanente.
Así mesmo, o texto reclama a elaboración dun estudo específico para identificar e catalogar as vivendas baleiras ou infrautilizadas pertencentes ao Ministerio de Defensa en Pontevedra, con vistas á súa posible incorporación á oferta pública de vivenda.
O BNG tamén aproveitou o debate para reclamar maior transparencia sobre determinados activos inmobiliarios da SAREB que, segundo a formación, aínda non foron transferidos a CASA47 e continúan sendo xestionados por empresas privadas.
Os nacionalistas piden garantías de que estes terreos non se destinarán a promocións privadas e que pasarán a formar parte do patrimonio público destinado a políticas de vivenda.
A formación sostén que o acceso a unha vivenda asequible converteuse nun dos principais problemas sociais da cidade e considera que a mobilización de solo e inmobles públicos é unha das ferramentas máis eficaces para aumentar a oferta residencial a prezos accesibles.