Aínda coa resaca emocional da homenaxe que recibiu no festival Novos Cinemas latente, Carla Simón (Barcelona, 1986) quixo compartir co público pontevedrés a súa última película, Romería, o filme co que pecha a triloxía familiar que iniciou con Estiu 1993 e continuou con Alcarràs.
Candidata a seis Premios Feroz, é, sen dúbida, a película máis 'galega' desta realizadora, que recoñece que rodar esta historia Galicia, de onde procede a súa familia paterna, foi "reparador". Sente que, a partir de agora, "síntome con máis capacidade de xogar".
Nesta entrevista con PontevedraViva, Simón reflexiona acerca da súa traxectoria cinematográfica ou sobre o seu papel, como o de moitas das súas compañeiras, como referente dun cine no que as mulleres "abordamos temas que nunca se abordaron desde a nosa perspectiva".
Non volveras a Galicia desde que estreaches Romería?
Si, non viña desde agosto.
Como foi este regreso?
Ben, pero foi moi exprés. Sempre me fai ilusión, a verdade. Aínda que esta vez non vou poder pasar por Vigo. A Pontevedra gústame vir. Xa estivera en Novos Cinemas con Estiu 1993. Hoxe viñeron a verme actrices de Romería. Estou moi contenta.
Por que dis que Galicia é tan importante para ti?
O meu pai era galego. A súa familia tamén. É un sitio que se relaciona moito coa miña historia familiar. A miña nai coñeceuno en Vigo nos 80. Viviron unha gran historia de amor. Cóntoa na película. Ao final, entre as viaxes previas e a rodaxe, vivín aquí medio ano da miña vida.
Romería serviuche para sanar, para reconciliarte co teu pasado?
Si, foi unha película moi reparadora. Naceu un pouco da frustración que eu sentía por non poder entender ou non saber como foi a historia dos meus pais. Inventar esas imaxes que me faltan, axudoume a deixar ir e a pechar todas as preguntas que tiña sobre a miña historia familiar.

Foi máis emotivo para ti escribir a película ou rodala?
Toda a historia dos meus pais é unha historia que teño xa moi ben colocada. Digamos que é un material co que traballo que, evidentemente, emocióname moito pero non me causa dor. Si esa frustración da que falaba, pero non unha dor difícil de xestionar.
E claro, logo pasa tamén que cando estás a rodar estás case nun modo de supervivencia. Tentas ir a casa con todo o material que necesitas. Toda esa parte como máis emocional de conectar cunha mesma é máis difícil. Pero si, houbo momentos moi máxicos. De ter a sensación de estar a filmar aquilo que tanto desexaba coñecer sobre os meus pais.
Dicías que ao público galego sempre lle resoou o teu cine. Con esta película notáchelo máis?
Claro. Primeiro porque se rodou aquí, Pero creo que aínda máis porque fala sobre unha cousa que en Galicia foi moi forte, que son todas esas mortes nos anos 80 relacionadas coa heroína. Tocou en todas partes de España, pero aquí provocou moitas perdas.
Cando vin con Estiu 1993 tiña moita curiosidade para ver como resoaba esa historia. Agora, oito anos despois, hai unha vontade máis xeneralizada de falar desa xeración desde outros sitios que non sexa o castigo, a culpa e a vergoña. De facelo desde un sitio máis luminoso.

Esta experiencia galega cres que enriquecerá o teu cine?
Eu sinto que Romería, dalgunha maneira, liberoume moito, deume ás para voar e para usar o cine tamén con outros fins, se cadra dunha maneira un pouco máis poética que ese compromiso que eu tiña antes coa realidade, tanto en Estiu 1993 como en Alcarràs. Creo que foi un paso cara a esas novas exploracións que virán.
Sentes vertixe ao enfrontar esta nova etapa persoal e profesional?
Cando empezas un novo proxecto, vertixe sempre hai. Pero síntoo en positivo. Nin teño medo nin sinto presión. É, máis ben, ganas de explorar cousas novas. Tamén de parar e de sentirme afortunada de poder estar nun momento no que todo pode ser.
Algo se pechou e síntome con máis capacidade de xogar. De tomarme as cousas desde outro lugar, que é algo que me apetece moito. Non sei se ten que ver coa maternidade e cos meus fillos ou con facer esas películas que necesitaba contar.
Cres que, en xeral, o público está agora máis preparado para un cine máis arriscado, máis pausado e máis adulto como o teu?
Eu creo que hai un desexo da xente por un cine máis independente, por esas películas que che fan pensar e debater. Estamos nun momento doce, pero iso sempre é moi fráxil. De súpeto vai ben na taquilla e ao día seguinte vai mal. Temos que defender este cine. É unha boa alternativa a certa maneira que hai de consumir o audiovisual de hoxe en día.

Foi un ano espectacular para o cine español. E, sobre todo, para o feito por mulleres...
Estamos no camiño cara á igualdade, pero fáltanos aínda bastante. Eu sempre quero velo en positivo. Hai algo que se moveu para dicir, estamos aquí, aquí nos quedamos e seguiremos facendo cine, que até agora non era así. Pero sinto que é un equilibrio moi delicado.
Hai que seguir contando historias desde o noso punto de vista. Sinto que estamos nunha especie de reparación temática, abordando temas que nunca se abordaron desde a nosa perspectiva. Imos chegando a unha mellor situación, pero aínda queda moito camiño
Virás aos Feroz? Que esperas desa gala?
Os Feroz é unha cita que me encanta e que me fai moi feliz. Son os premios da crítica e como cineasta iso ten moito valor. E sempre é a gala máis divertida. Sempre sentín que non é unha reunión entre colegas. É, sobre todo, un lugar de celebración.