O humorista Carlos Blanco regresará ao Auditorio de Vilagarcía o vindeiro 28 de marzo, ás 20.30 horas, para estrear na súa cidade o seu novo espectáculo, A penúltima.
Trátase dun monólogo que xa conquistou ao público noutras localidades e no que o actor volve apostar pola fórmula que o fixo popular, que non é outra que humor sobre o país, mesturando stand-up e improvisación, cun estilo próximo e cheo de retranca.
En A penúltima, Blanco combina historias novas e vellas con anécdotas populares galegas, nun relato que busca non só provocar a risa, senón tamén convidar á reflexión sobre cuestións de actualidade e temas de sempre.
O título da montaxe xoga coa idea de que nunca se sabe cando será a seguinte actuación, deixando entrever que sempre pode haber algo máis por chegar, razón de máis para non perder esta cita.
A venda anticipada de entradas abrirase este martes a través de Ataquilla.com, con prezos de 15 euros para a zona A e 12 euros para as zonas B e C, aos que haberá que engadir os gastos de xestión.
No caso de non esgotarse, tamén se poderán mercar o mesmo día da función na billeteira do Auditorio, a 18 e 15 euros respectivamente.
A penúltima é unha produción de Condetrespés dirixida a público adulto e supón unha nova oportunidade para ver a Carlos Blanco actuar na súa propia casa, cun espectáculo que mantén intacta a súa conexión co público.