Carlos Núñez celebra en Pontevedra os trinta anos de 'A Irmandade das Estrelas'

Pontevedra
21 de decembro 2025

Aínda que o propio artista aseguraba días antes que tocar en Pontevedra polo Nadal "xa é unha tradición", desta vez foi todavía máis especial. Máis que un concerto foi toda unha experiencia

Carlos Núñez conmemora en Pontevedra os trinta anos de 'A Irmandade das Estrelas'
Carlos Núñez conmemora en Pontevedra os trinta anos de 'A Irmandade das Estrelas' / Cristina Saiz

Unha noite para o recordo. Así foi o concerto co que Carlos Núñez quixo celebrar en Pontevedra o trinta aniversario do seu disco máis senlleiro, A Irmandade das Estrelas.

Aínda que o propio artista aseguraba días antes que tocar en Pontevedra polo Nadal "xa é unha tradición", desta vez foi todavía máis especial. Máis que un concerto foi toda unha experiencia.

O público, que encheu o patio de butacas do auditorio do Pazo da Cultura, gozou coa música do gaiteiro vigués, que estivo acompañado sobre o escenario por moitos amigos e amigas.

Así, entre outros, contou coa colaboración da Aula de Música tradicional da Universidade de Vigo e con numerosos músicos profesionais como María Sánchez ou Jon Pilatzke.

Con todos eles ao seu carón, Carlos Núñez logrou recrear un disco que, probablemente, logrou  mudar a percepción da música galega e o folk galego dentro do país e alén das nosas fronteiras.

A Irmandade das Estrelas, lanzado en 1996, foi moito máis que un debut. Foi unha declaración de intencións que levou a música celta galega máis aló das fronteiras coñecidas.

Con el logrou colaboracións con xigantes como The Chieftains, establecendo un diálogo musical que perdurou ata hoxe.

Esta cita musical puxo o broche de ouro a un ano moi intenso nas instalación culturais municipais de Pontevedra.