O vindeiro sábado, 26 de agosto, o Adro da Festa de Tenorio acollerá un concerto de Carlos Núñez. A cita, prevista para as 20.00 horas, ten á venda aínda entradas dispoñibles.
As entradas pódense adquirir de xeito anticipado a un prezo de 22 euros na web www.ataquilla.com.
O gaiteiro internacional regresa por desexo propio a Cerdedo-Cotobade dentro da xira 'Lugares Máxicos', despois de que o verán pasado protagonizara un concerto en Viascón en homenaxe a Ricardo Portela, coa participación de agrupacións folclóricas do municipio.
Na súa xira 'Lugares Máxicos', Carlos Núñez selecciona emprazamentos fermosos do patrimonio natural, arquitectónico ou histórico galego para gozar da música ao aire libre.
Estes concertos tamén buscan un consumo moderado da enerxía, pois propón desde hai anos un novo sistema máis respectuoso coa nosa música e a nosa contorna.
O horario, ás 20:00 horas, está pensado para aproveitar ao máximo a luz solar e a beleza do lugar, aproveitado tamén o momento máxico do atardecer, fomentando o aforro enerxético e reducindo o impacto por emisións.
Agrupacións folclóricas locais serán convidadas a participar neste evento, no que tamén haberá referencias a Ricardo Portela.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, destaca que "é toda unha honra" que un músico da talla internacional como é Carlos Núñez volvera elixir, con tan pouco tempo de diferencia, tocar neste concello, "o que dá boa conta do a gusto que se sentiu o pasado ano tocando en Viascón e tamén da maxia que lle transmite o noso municipio ao incluírnos na súa xira de Lugares Máxicos".
Cubela lembra que este concerto supón continuar impulsando un amplo e variado programa de dinamización cultural para este verán no municipio a través de diversas actividades.
O Concello puxo en marcha este verán o programa 'Cerdedo-Cotobade en Sons', un amplo e ambicioso proxecto cultural como elemento vertebrador das parroquias a través da música que busca ser motor de dinamización do rural así como un atractivo turístico máis que contribúa a favorecer tamén a actividade económica relacionada co sector da hostalería en todo o municipio.