Castelos, igrexas, mosteiros, pazos, xardíns singulares ou ata un parque arqueolóxico. Eses son os escenarios nos que Carlos Núñez está a estrear o seu novo espectáculo musical. O seu nome non podería ser máis adecuado: Lugares máxicos.
E un dos últimos lugares máxicos que elixiu o gaiteiro para presentar a súa música en Galicia, antes de iniciar a súa xira nacional e internacional, ía ser o atrio da festa de Tenorio. Pero a choiva frustrou os seus plans e a actuación trasladouse ao centro sociocultural do lugar.
O músico galego conquistou ao público que encheu o aforo do recinto e que, ademais de Cerdedo-Cotobade, eran de Vigo, Pontevedra, Madrid, Barcelona, Córdoba ou Cádiz, así como de países como Brasil, Colombia e Arxentina.
No seu concerto, o gaiteiro e os seus músicos intercalaron os temas do seu novo traballo e parte dos seus éxitos máis coñecidos.
Foi así unha especie de viaxe artística desde a orixe da música tradicional e das músicas celtas ata as últimas investigacións e colaboracións que foi facendo o artista.
Durante a súa actuación, Núñez confesou sentirse ilusionado por estar de novo en Cerdedo-Cotobade e lembrou a figura de Ricardo Portela, o gaiteiro universal nacido en Viascón
Antes do comezo do concerto, o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, agradeceu ao artista que por segundo ano consecutivo elixira esta vila para traer o seu espectáculo.
Cubela destacou ademais o legado cultural e musical do municipio, conservado e transmitido por persoas da talla de Antonio Fraguas, Ricardo Portela e Antonio Fraiz, entre outros moitos.