Carmen Machi, con 'Celeste' en Pontevedra: "Facer comedia a base de chistes interésame bastante pouco"

Pontevedra
27 de decembro 2024

En 'Celeste', a serie que presentou en Pontevedra da man dos Premios Feroz, Carmen Machi interpreta a unha inspectora de Facenda que investiga a unha estrela internacional da música

Carmen Machi, en Pontevedra cos Premios Feroz
Carmen Machi, en Pontevedra cos Premios Feroz / Mónica Patxot

Hai poucas persoas que, a estas alturas, non saiban quen é Carmen Machi (Madrid, 1963). Leva máis de catro décadas paseando o seu talento por teatro, cine e televisión. En todos eles, con gran éxito. Moitos a seguen lembrando, iso si, polo seu traballo en Siete vidas e Aída.

A Pontevedra chegou, da man dos Premios Feroz, co seu último traballo para a pequena pantalla. En Celeste, producida por 100 Balas (The Mediapro Studio) para Movistar Plus, interpreta a unha inspectora de Facenda que investiga a unha estrela internacional da música.

"Gocei moitísimo facendo esta serie", explica nesta entrevista con PontevedraViva. Falamos con ela sobre este traballo, polo que é candidata ao Feroz á mellor actriz protagonista en comedia e que presentou este xoves no Pazo da Cultura.

Chegas a Pontevedra días despois de que che concederan a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes. Toda unha honra, non?

Cando me chamou o ministro de Cultura en persoa para darme a noticia tardei un pouco en encaixala. Hai algo moi bonito neste tipo de recoñecementos. Esa honra compártoa con xente á que admiro. Que por dedicarme ao que me gusta che recoñezan así, é de agradecer.

E que importante que estes recoñecementos a unha traxectoria sexan en vida. Dígoo porque neste país somos moito de acordarnos da xente cando xa non están...

É verdade. Eu creo que cada vez se está facendo máis. Cando che ocorre algo así, dáche tempo a botar a vista atrás e a mirar cara a adiante. Pedir que, por favor, non me despidan xa (ri). Quédache tempo para sentir que, se xa tiñas un compromiso moi importante co teu traballo, parece que agora o tes aínda máis. É un aliciente extraordinario.

Despedir non creo que te despidan, porque levas uns anos moi intensos de traballo. Cine, televisión, teatro... non paraches. E iso non é fácil.

Desde que empecei a traballar con 17 anos sempre tiven continuidade. É verdade que traballei nas tres disciplinas co cal tiña un abanico de posibilidades máis grande. Iso pode que fixera que teña máis oportunidades na miña carreira.

Até agora non tiven esa sensación tan angustiosa de non saber que vai pasar. Pero podo entender que supón. É unha profesión que, máis aló de que poidas comer, pagar o piso e levar unha vida, é unha necesidade da alma. Vai máis aló de gañar diñeiro. A min aínda me custa crer que me paguen por facer isto. Sinto un amor inevitable por isto.

E, de entrada, para 2025 tes catro películas e unha serie... como fas, sendo un traballo tan creativo, para que os teus personaxes non se entrecrucen?

Ser actor ten un pouco que ver con iso, ter a capacidade de entrar e saír do personaxe cando se require. Sempre traballei con moita intensidade e canto máis diferentes son os personaxes entre si, máis fácil é vestirte deles.

Eu cheguei a facer tres distintos nun mesmo día. Se lle quitas importancia, todo flúe mellor. É importante darlle o sitio xusto en ti a cada personaxe, non deixar que che invadan en exceso. Aí si xa é máis complicado sacalo e entregarte a outro.

Carmen Machi, en Pontevedra con los Premios Feroz
Carmen Machi, en Pontevedra cos Premios FerozMónica Patxot

Celeste é a serie que viñeches a presentar a Pontevedra cos Premios Feroz. Que che achegou este proxecto?

Moita felicidade. Goceino moitísimo. Cando tes un material tan interesante como este e unha cabeza privilexiada como a de Diego San José regálache algo así, é máis fácil. Todo foi bo. A directora, Elena Trapé, soubo guiar de maneira magnífica o ton da serie e os compañeiros de viaxe que tiven foron exquisitos. E iso non sempre pasa.

Que pensaches cando Diego San José te chamou para dicirche que quería que interpretases a unha inspectora de Facenda?

Poida que sorrise ou mesmo que houbese unha gargallada. Pero sen que me dixese nada díxenlle que si. Compartimos o éxito de Ocho apellidos vascos e son moi fan do seu traballo. Sei o que hai nesa cabeza. O que máis me fascinou é que non estabamos a falar dunha comedia.

Fíxome graza pensar desde onde o ía a tratar porque sabía que non se ía a rir diso. A primeira sensación foi pensar 'que sorte teño!'. Non tiña nin idea de que ía pasar nin como ía ser. Só tiña que esperar a que me chegasen os guións.

Adoitas aceptar proxectos tan rápido?

Normalmente digo que si a un proxecto despois de ler o guion, porque ás veces non se parecen en nada ao que che contaron ou ao que ti te imaxinaches. Neste caso, dábame igual. Íame mandando material e cada vez me flipaba máis.

E lograches que o público empatizara cun personaxe así... case nada.

Cando empecei a ler o que contaban os guións entroume unha tristeza incrible con ela. Pensei se realmente era posible que unha muller así tivese unha vida pouco social e un mundo tan reducido que cando se xubila non sabe que facer. Nin ten amigas. Por dedicarse a iso.

Diego estaba moi documentado e moi asesorado. Tivo varios encontros con inspectores. Chegaron a ler os guións e dicían que estaban encantados. A min sorprendíame porque os definían todo o tempo como 'xente gris' (ri). Estaban felices de ter protagonismo.

Tan gris que até o nome da serie, Celeste, é o nome da investigada.

Exacto. Dio Sara -o seu personaxe- nalgún momento: "Vexo cada vida... a min non me pasan esas cousas". Ve as vidas dos demais a través das súas facturas. E que a súa vida sexa iso, que sexa feliz dependendo de se gaña o caso, que adoita ter que ver con que fode a vida a outro é tremendo.

Nun momento da súa vida no que empeza unha etapa nova, pensa en se mereceu a pena. Ao final, é unha muller que carga con moitas decepcións. Fai unha investigación fiscal e unha investigación persoal e nas dúas ocórrelle o mesmo, a decepción e a traizón máis absoluta.

É algo que comparten as dúas protagonistas, non?

Dáste conta de que unha é brillo e cor, a outra todas as cores grises. Pero, ao final de contas, son dúas mulleres que teñen puntos en común e que se atopan en momentos moi diferentes da súa vida. A min que contase iso era, sobre todo, o que emocionaba moitísimo.

Carmen Machi, en Pontevedra con los Premios Feroz
Carmen Machi, en Pontevedra cos Premios FerozMónica Patxot

E con todo estamos ante unha serie catalogada como comedia. É máis difícil facer comedia a través dos chistes ou baseala en episodios cotiáns da vida?

Eu teño un respecto infinito pola comedia. É un xénero moi complexo e que require moito rigor. A min gústame que, á parte de facerche rir, ocorra algo. Facer comedia a base de chistes interésame bastante pouco. Iso é outra cousa. Eu creo que o que ten a serie é humor. Todos sabemos que nos momentos máis duros da vida, ás veces dáche a risa.

Cando me chaman para facer unha comedia, bótome a tremer. Empezas a ler e dis: "pero que obsesión con facer rir de antemán". Eu crieime con Aída e, sobre todo, con Siete vidas que era unha serie cun humor real e intelixente. Sempre contando algo pegado á actualidade. Esa é a miña escola na comedia. A min iso interésame. É máis estimulante.

E coidado, que facer chistes é moi difícil. Non é nada fácil. Hai xente moi boa niso e que está a facer comedia pura. Eu respéctoo absolutamente, pero eu prefiro que me digas algo moi gordo a través do humor e que o craves. Pero para iso requírese unha técnica moi grande.

Despois de Aída decidiches aparcar a televisión por un tempo, pero volviches con series como Arde Madrid, 30 monedas, La Mesías ou, agora, Celeste. Todas teñen en común que son series de poucos episodios. Estás máis cómoda con este formato?

É que non é televisión. Realmente, é cine. De feito, eu non fixen televisión ao uso. Sete vidas ou Aída estaban máis preto do teatro televisado. Non ten nada que ver coas horas de rodaxe para unha serie. Eu non sei se aguantaría tantos meses. Pero si, todo cambiou. Antes asinabas si ou si por tres tempadas. Agora rezas para que digan que haberá unha segunda.

Os actores agora fixádesvos máis no proxecto en si que na pantalla que se vaia a emitir?

Por suposto. Si é verdade que, dependendo da plataforma, trabállase dunha maneira ou outra. En Movistar Plus, por exemplo, hai máis liberdade para o creador. Fai que sexa diferente. Hai autoría e cando iso o sentes, a min dáme igual que medio sexa. Tanto traballando como espectadora estou a ver cousas moi interesantes. A liña é o risco.

Diego San José, Carmen Machi y Clara Sans presentan 'Celeste' en Pontevedra
Diego San José, Carmen Machi e Clara Sans presentan 'Celeste' en PontevedraConcello de Pontevedra

De feito, a fornada de películas e de series que hai este ano é impresionante. non cres?

O nivel de esixencia está moi alto. E iso mola moito. Eu estou fascinada co nivel. Póñome de xeonllos ante o traballo de todos os compañeiros. A liña que separaba o cine e a televisión xa é practicamente invisible. Estamos a vivir un momento marabilloso.

Falabas antes de Aída. Un dos teus proxectos para 2025 será a película de Paco León coa que retomaredes os personaxes da serie. Como foi ese reencontro?

Estamos moi ilusionados. Vai ser algo moi especial. Non será exactamente o que o público pode imaxinar. Non sei se mellor pero, polo menos, é algo que vai máis aló. Será algo moi particular e moi maduro. Se todo vai ben, empezamos a rodar en marzo.

Non é habitual que, despois dunha serie de tanto éxito, sexan os seus protagonistas os que propoñan volver. Normalmente adoitan pedilo as cadeas ou as produtoras.

É verdade. Foi ademais unha cousa miña. A xente quedará moi tola porque dirán "ti non tiñas odio á serie?". Non sei de onde sae semellante barbaridade. Eu nunca dixen iso. É tal o amor que a xente segue sentindo cara a Aída que, despois de tantos anos, quixemos xuntarnos e darlles as grazas así. Ese foi o motivo. Non o fixemos por necesidade.

Ademais, é arriscado. Eu non teño nin idea de como se fai Aída agora mesmo. Estamos noutra época. No meu caso, eu deixei a serie en 2008. Pasou moitísimo tempo. Pero todos estabamos de acordo e tiñamos ganas. Iso si, aínda está todo un pouco no aire.

Sexa como sexa, antes aínda hai que espremer Celeste un pouco máis. Que supón para o equipo da serie vir a unha cidade como Pontevedra, afastada dos grandes circuítos comerciais, para presentala e establecer un contacto máis directo co público?

É marabilloso. Hai que agradecer moito a Pontevedra por darlle unha visibilidade enorme aos Feroz. É unha maneira de apostar pola arte e darlle visibilidade. É un escaparate magnífico. E é moi chulo porque non deixas de asombrarte do que ve e o que opina a xente sobre o que fixeches. É algo que me emociona unha chea.