A Casa da Luz transformarase nun espazo de ideas de guión feminino no 'pitching' das Titorías AGAG

Pontevedra
23 de abril 2026

O vindeiro 16 de maio terá lugar a presentación de seis proxectos audiovisuais nunha xornada deseñada para reducir a fenda de xénero e potenciar a creación en lingua galega

Sara Varela, coordinadora da asociación AGAG, e Anabel Gulías, concelleira de Promoción da Cidade
Sara Varela, coordinadora da asociación AGAG, e Anabel Gulías, concelleira de Promoción da Cidade / Sergio Guillermo Lourés Miranda

O talento audiovisual con firma de muller terá unha cita ineludible en Pontevedra o sábado 16 de maio.

A cidade do Lérez dá un novo paso na súa estratexia de apoio á creación cultural ao albergar o primeiro pitching presencial das Titorías da Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG).

A partir das 10:30 horas, a Casa da Luz transformarse nun mercado de ideas onde o guión feminino e a lingua galega serán os protagonistas absolutos.

A iniciativa foi presentada hoxe en rolda de prensa pola concelleira Anabel Gulías e a coordinadora da asociación, Sara Varela, quen coincidiron en sinalar a relevancia de crear espazos de encontro físico para un sector que busca profesionalizarse e gañar peso na industria.

Para o Goberno local, este proxecto non é unha acción illada, senón unha peza máis na engrenaxe que sitúa a Pontevedra como referente do sector tras o éxito dos Premios Feroz.

Durante a presentación, Anabel Gulías quixo poñer o acento na vertente social e económica do proxecto. A concelleira amosou o firme compromiso do Concello para establecer unha "colaboración permanente no tempo" con estas titorías, subliñando que o foco se sitúa sobre as condicións laborais e a precariedade que, de xeito recorrente, afecta ás mulleres no cinema.

A edil tamén destacou que este evento serve para dar continuidade ao traballo realizado desde o ámbito académico e institucional na cidade.

En palabras de Gulías, a acción reforza o valor das persoas que se están a formar no Campus Crea e nas facultades de Comunicación Audiovisual e Belas Artes, permitindo que o prestixio dos grandes certames internacionais deixe un rastro real e útil para os novos creadores na capital da provincia.

Pola súa banda, Sara Varela debullou a traxectoria dunhas titorías que naceron no ano 2020 baixo o formato a distancia e que agora, grazas ao apoio municipal, conseguen dar o salto á presencialidade.

A coordinadora de AGAG lembrou que a situación de partida era preocupante: no momento da creación do proxecto, a presenza de mulleres guionistas na industria era apenas do 26%.

Os esforzos destes últimos anos comezan a dar froitos, logrando incrementar esa cifra en máis dun 10%.

Un dos requisitos fundamentais deste pitching é que todos os proxectos presentados están desenvolvidos integramente en lingua galega, reforzando así o tecido cultural propio.

Varela tamén celebrou que sexa Pontevedra a que acolla o encontro, coa idea de que a cidade sexa como un refuxio para a creación feminina ao igual que sucede con citas como o certame "Mulleres no Foco".

SEIS PROPOSTAS

A xornada do 16 de maio servirá para que seis guionistas defendan o traballo madurado durante o proceso de titorización. A diversidade de xéneros e formatos é unha das notas dominantes:

  • Longametraxes: Paula Sanmartín presentará o proxecto titulado Roi, mentres que Antía Rodeiro defenderá Lorzas.

  • Series de ficción: Diana Longa acudirá con Sinfonía do extrarradio e María Fernández Ache con O desterro.

  • Programas de televisión: Xulia Lomba mostrará a proposta Fóra, mentres que Adela Martínez e Paula López farán o propio con O xornal.

Máis alá da exposición de ideas, o encontro busca establecerr un "caldo de cultivo óptimo" para a posta en marcha de proxectos reais.

A organización convidou a destacadas produtoras galegas como CTV, Cósmica Produccións, Matriuska, Artyc ou Brava. O máis salientable é que estas empresas estarán representadas case na súa totalidade por mulleres profesionais do sector, como Alba Araujo, Nati Juncal, Elena G. Román, Tania Vila, Bea Villar ou Cristela Torres.

Esta estrutura de traballo horizontal facilitará o intercambio directo de impresións entre quen escribe e quen produce, un paso crítico para que as historias salten do papel á pantalla.

O evento conta ademais co respaldo institucional da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), a Fundación SGAE e a asociación CIMA.