"Ante a adversidade, a cultura non se detén": Ambienta impulsa o cine LGTBIQ+ en Pontevedra

Pontevedra
16 de abril 2026
Actualizado: 16:07

Programación de Ambienta en Pontevedra con proxeccións LGTBIQ+ cada semana en maio na Facultade de Belas Artes, con coloquios, curtos, cine clásico e festa de clausura con DJ. musica

20260416 Quinteiro presentacion ambienta 01
20260416 Quinteiro presentacion ambienta 01 / Antía Quinteiro García

O ciclo Ambienta na súa novena edición da Mostra Internacional de Cinema LGTBIQ+ xa está en marcha en Pontevedra. A presentación tivo lugar este xoves 16 de abril coa participación do concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, e a vicerreitora do campus, Eva Lantarón.

Este ano, o festival traslada a súa sede á Facultade de Belas Artes tras un incidente ocorrido no Teatro Principal ao caer o falso teito. Un cambio que, lonxe de supor un freo, reforza a colaboración entre a Universidade de Vigo e o Concello.

Como destacou a vicerreitora: "A miúdo falamos das sinerxías que teñen a Universidade de Vigo e a cidade de Pontevedra. Pero creo que este ano a celebración de Ambienta 2026 é o mellor exemplo do que significa ser institucións irmás".

Neste contexto, defendeu o papel da cultura mesmo en momentos complicados: "ante a adversidade, a cultura non se detén".

20260416 Quinteiro presentacion ambienta 02
Presentacion ambienta Antía Quinteiro García

A Facultade de Belas Artes acollerá así unha nova edición de Ambienta os días 7, 14, 21 e 28 e 29 de maio.

Por outra banda, Demetrio Gómez puxo o foco no contido do ciclo, destacando que "é unha mostra do mellor cine que se pode atopar" e que permitirá "reflexionar sobre as situacións que vive o colectivo na súa vida cotiá".

A programación comeza o xoves 7 de maio ás 20.00 horas coa inauguración do ciclo e a proxección de Contando los días, seguida dun coloquio con Tania Medina, Alba Loureiro e Eva Mejuto.

O xoves 14 ás 20.00 horas proxéctase Mi querida señorita, de Jaime de Armiñán. Continuará o xoves 21, tamén ás 20:00 horas, coa quenda de Iván & Hadoum, de Ian de la Rosa, cun coloquio posterior con Samantha Hudson e Raquel Piñeiro. O xoves 28 ás 20:00 horas proxéctase 9 lunas, de Patricia Ortega.

A clausura celebrarase o venres 29 ás 20:00 horas cunha sesión de curtametraxes: Algo nuevo que contar, Hello Stranger (Hola, desconocide) y Bloomer (El despertar), e a proxección do videoclip Ferido, seguida dun coloquio con Xoán Fórneas e Carlos Valcárcel, e unha actuación en directo de O Xoán.

A partir das 22:00 horas terá lugar a festa de clausura con aperitivos e música a cargo de DJ Beti da Church na sala La Verbena Club.

"Ambientate" é o lema desta edición e mantén o seu obxectivo de achegar ao público propostas cinematográficas que, como subliñou Eva Lantarón, buscan "remover conciencias".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora