O Festival Cine do Mar chega á súa terceira edición, consolidándose como unha cita cultural de referencia en Galicia centrada na relación entre o audiovisual, o mar e a identidade cultural.
Os membros da Asociación polo Museo do Mar e a concelleira Marián Sanmartín presentaron este martes nos xardíns do Concello este evento, que aposta pola valorización do mar como ecosistema, a concienciación sobre a súa protección e a dignificación dos oficios vinculados ao ámbito marítimo, á vez que promove a creación audiovisual en lingua galega e o seu uso entre as novas xeracións.
O festival celebrarase entre o 20 e o 26 de abril, cunha programación diversa e internacional, que combina proxeccións cinematográficas, actividades formativas e encontros profesionais. Os escenarios do evento serán o Cine Seixo, a Biblioteca Pública e o Espazo Emprendedor.
O luns 20 de abril, inaugurarase a mostra coa presentación do xornalista Carlos Prado e coa entrega do Premio Honorífico 'Luz de Faro' ao actor e humorista Carlos Blanco. Despois proxectarase o filme 'Rondallas', de Daniel Sánchez Arévalo.
O martes ás 18:00 horas, a Biblioteca Vidal Pazos acollerá a primeira xornada da Sección Ensino, na que participará o alumnado do CEIP Ardán, CEIP Ribeón, CEIP de Seixo, CEIPP Sequelo, CEIP Torre de Hércules (A Coruña) e do Ramón Cabanillas (Cambados).
Despois, na mesma localización, comezará a Sección Oficial Documental coas proxeccións de 'A Tarea' e 'Un mar de mulleres'. Unha mesa redonda sobre as mulleres do mar e o marisqueo pechará a xornada coa participación de Sandra Amezaga (de Mulleres Salgadas), Marina Buceta (da Asociación de Mulleres do Mar de Poio) e Rita Míguez (de Mariscadoras de Arcade), coa bióloga Rita Pesqueira de moderadora.
O mércores e o xoves a partir das 19:00 horas celebraranse a Sección Oficial Documental, con 'La mé a nan san', 'Si el silencio fuera azul' e 'Parangol' na primeira xornada e 'El nom de les flors', 'Polbeiros' e 'Mar, sol, vent', na segunda; e a Sección Oficial de Ficción, con 'Buelta eta buelta', 'Chec-out', 'Bajamar' e 'Inés' o primeiro día e 'El pasajero', 'Ultramarino' e 'Nas ondas do tempo', o segundo.
Os dous días clausuraranse coa charla de 'Oss cetáceos nas Rías Baixas', con Alfredo López, biólogo mariño do CEMMA á fronte, e coa mesa redonda 'A creación audiovisual en Galicia', con Carlos Prado (xornalista e realizador), Adrián Porima (Director de 'Nas ondas do tempo'), Xacobo Sanmartín (Director de 'Mar, vent, sol'), Álex Cancelo (Guonista de 'Mar, vent, sol') e Ángel Cea (Director de 'Polbeiros').
O venres, entre as 10:00 e as 12:30, os escolares serán os protagonistas coa Escola de Cine e Mar, onde se proxectarán as pezas 'Homo Plastic', 'Marinero en tierra' e 'L'oeuvre vive', co acompañamento de Barafunda Animación.
Pola tarde, ás 19:00 horas, arrincará a Sección Oficial de Ficción con 'Fenicia' e 'Memòrias com vista prol mar'. Despois proxectarase o filme de clausura, 'San Simón', coa participación do seu director, Miguel A. Delgado; o actor marinense, Celestino Fontes, e a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín.
O sábado pola mañá, o Espazo Emprendedor do Parque Azul acollerá a partir das 11:00 o showcooking 'Galicia sabe a mar', á fronte do chef Marcos S. Area, do Restaurante É. Hai 40 prazas dispoñibles e é necesario inscribirse previamente.
Pola tarde, a partir das 19.30h, será clausúraa coa entrega dos premios Sardiña de Ouro, Rañorte de Ouro, Polbo de Ouro e Rodaballo de Ouro, así como o Premio do II Certame de Fotografía do Mar. Pecharán a clausúra As Ferriñas.
O desenlace do festival será a visita á illa de San Simón, con 110 prazas dispoñibles e inscrición previa.
Toda a programación pódese consultar neste enlace.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.