Un novo ciclo de cine no campus universitario de Pontevedra analizará, a través da proxección de seis películas, como son as relacións entre o ser humano e a tecnoloxía.
Baixo o título de Imago mundi, este novo ciclo, que está coordinado por Suso Novas, o codirector do festival Novos Cinemas, comezará este venres 10 de abril e estenderase ata o próximo 29 de maio.
A través dunha escolma de longametraxes das últimas cinco décadas, o ciclo porá o foco na influencia da tecnoloxía no contexto económico, social e de ocio dos seres humanos, pero tamén no seu "imaxinario sentimental ", sinala Novas.
O ciclo busca debater sobre como as tecnoloxías poden condicionar "como se coñece o mundo, como son os nosos sentimentos e a nosa relación co corpo ".
Para iso, a programación abrangue tanto olladas a futuros distópicos como a cuestións coetáneas ao que está acontecendo, achegándose a filmes que forman parte da memoria colectiva e a outros "que ao mellor quedaron máis soterrados".
Imago mundi comeza este venres 10 de abril con Robocop (1987), de Paul Verhoeven, unha película que, segundo Novas, posibilita unha reflexión sobre o uso da tecnoloxía por parte dunha corporación "para acabar ditaminando o comportamento social".
O venres 17 poderá verse Almas de metal (1973), de Michael Crichton, que aborda o entretemento entre homes e máquinas "e que acontece cando algo falla"; e o xoves 23, Días estraños (1995), de Kathryn Bigelow, sobre como se relacionan as persoas a través das tecnoloxías "e como estas permiten sentir experiencias alleas".

Xa no mes de maio, o venres 15 será a quenda de Videodrome (1983), un filme de David Cronemberg co que tratar as relacións entre o virtual e o real; e o venres 22 de Ex Machina (2014), de Alex Garland, que reflexiona "sobre o feito de que algo que percibes cunha intelixencia similar á túa teña tamén corporeidade".
O ciclo pechará o 29 de maio con Blade Runner (1982), de Ridley Scott, un fito do cine de ciencia ficción, sostén o seu programador, que narra o que acontece "cando o que está ao servizo do ser humano evidencia ser máis humano que os propios humanos".
Todas as proxección serán na Casa das Campás, a partir das sete da tarde. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala e haberá un coloquio posterior sobre cada filme.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.