As obras reunidas na mostra 'Manuel Moldes. Vieiros na memoria' xa se atopan publicadas nun catálogo editado por risografía, dentro do selo Error es bien. Trátase da primeira publicación centrada no traballo do pintor integrante do Grupo Atlántica que se realiza despois do seu falecemento o 3 de decembro de 2017.
A Facultade de Belas Artes promove esta iniciativa sobre a vida e obra do que foi docente no centro. Presentábase na Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes, coa asistencia da súa viúva Mary Díaz Cacheda. Esta publicación incide no interese do autor polo debuxo, pero tamén na importante traxectoria do artista e na historia da sala que agora leva o seu nome.
Ao acto asistían tamén Jorge Soto, vicerreitor do campus; a comisaria da exposición, Sara Donoso; o deseñador do catálogo, Marcos Covelo; o vicedecano Javier Tudela; e a coordinadora da sala, Chelo Matesanz.
A primeira tirada alcanza os 150 exemplares e a obra foi elaborada por estudantes de Belas Artes; unha circunstancia que Mary Díaz Cacheda agradeceu porque "forma parte da súa vida na facultade, que era moi importante para el", segundo manifestaba durante o acto.
Sara Donoso, segundo recolle Eduardo Muñiz no DUVI, destacaba a técnica empregada para mostrar matices que van máis aló da resolución das imaxes recollidas e o carácter artístico da publicación. Afirmou que este catálogo se relaciona coa fórmula de ensino que tiña o pintor ao impulsar o alumnado para experimentar e a errar dentro do proceso creativo.