A concelleira Anabel Gulías presentou este mércores, xunto a Luis Carballo, do Seminario Permanente de Jazz, unha nova edición do Outono de Jazz.
Este ciclo volverá levar a música ás rúas de Pontevedra durante o mes de decembro. Carballo destacou que, coincidindo co 25º aniversario, o evento recupera o seu nome orixinal tras a edición pasada como 'Sons de Outono'.
Todos os concertos serán na Praza da Peregrina, ás 12 da mañá. No caso de choiva o emprazamento mudará ao palco da música da Alameda.
O programa inclúe catro concertos, o primeiro deles está programado para o sábado 6 de decembro con Pablo Patiño Cuarteto 'Quoma', coa presenza do contrabaixista vilagarcián, unha das figuras emerxentes do jazz ibérico, acompañado por Pablo Hernández (saxo), Javier Gdejazz (trompeta) e Esteban Lavigne (batería).
O domingo 7 de decembro acutará Xurxo Estévez Trío, que ofrecerá un directo enérxico e divertido con pezas clásicas, blues, temas modernos e composicións propias. Completan o trío Guillermo Guerrero (guitarra) e Miguel Fernández (batería).
E para o sábado 13 de decembro está anunciada a actuación de Sunil López Trío 'Smoke gets in your eyes'. O pianista vigués presentará o seu primeiro álbum, que verá a luz en febreiro de 2025, acompañado por Alex Touceda (contrabaixo) e Chus Pazos (batería).
Por último, o domingo 14 de decembro está programado o concerto de Gloria Pavía e Rafa Morales, dúo que combina voz e baixo eléctrico nun repertorio íntimo e creativo baseado en temas orixinais.
O Concello de Pontevedra destacou a aposta por un programa que combina talentos emerxentes e propostas consolidadas para achegar o jazz ao público.