A Orquestra Sinfónica de Pontevedra presentou este luns o tradicional Concerto de Aninovo, que terá lugar o próximo 1 de xaneiro ás 19:30 horas no Pazo da Cultura, nunha edición que chega cargada de simbolismo, raíces e celebración colectiva. A cita contará ademais coa participación do Ballet de Galicia, dirixido por Diego Landín.
A presidenta da formación, Judith Rey, definiu este concerto como un evento "de carácter moi especial", capaz de inaugurar o ano "reuníndonos ao redor da música, da emoción e do que somos como comunidade". Segundo explicou, a proposta está pensada como "unha viaxe musical que percorre a nosa memoria colectiva".
A primeira metade do programa estará dedicada a "a Galicia que vive en nós", cunha homenaxe a Prudencio Romo, membro fundador de Los Tamara e figura clave da música galega. A orquestra interpretará algunhas das súas melodías máis emblemáticas, con arranxos de Manuel Otero Paino e as voces de Paco Lodeiro e César Romero, "dous artistas moi queridos polo público galego".
Na segunda parte, o concerto trasladarase ao ambiente festivo de Viena para recuperar o espírito clásico do Concerto de Aninovo, con valses, polcas e marchas da familia Strauss, pezas que cada ano simbolizan o comezo dun novo tempo.
O Ballet de Galicia achegará "enerxía e cor" á proposta, enriquecendo o espectáculo cunha dimensión visual "única e elegante". O seu director, Diego Landín, celebrou poder iniciar o ano desta maneira e destacou o compromiso da cidade coa cultura: "Normalmente tes que marchar fóra para participar nun concerto de Aninovo".
A pesar de estar oficialmente de vacacións, os bailaríns aceptaron participar sen dubidalo. En total, intervirán 12 intérpretes profesionais e catro estudantes.
A dirección musical correrá a cargo de David Fiuza, a quen Judith Rey definiu como un director capaz de transmitir "intensidade e moitísima emoción" en cada nota. O mestre destacou que o Concerto de Aninovo de Pontevedra "é un referente en Galicia" e subliñou que, aínda que o formato tradicional de música dos Strauss non admite grandes innovacións, si permite ofrecer "elegancia, calidade e algunha sorpresa". Nesta edición, anunciou, incluirase un repertorio pouco habitual dentro da obra dos Strauss e "unha sorpresa moi doce" que se desvelará o mesmo día.
Rey expresou o seu desexo de que esta edición se converta en "un abrazo colectivo, un momento para celebrar a nosa identidade, a nosa música e as nosas conexións", dando a benvida a 2026 "coa mellor das enerxías".
As entradas están dispoñibles desde 12 euros en ataquilla.com.