Pontevedra promete un Nadal "elegante e moi divertido" cun programa "100% pontevedrés"

Pontevedra
26 de novembro 2025
Actualizado: 27 de novembro

O programa de actividades para este mes, entre o 5 de decembro e o 5 de xaneiro, será "accesible, gratuíto e con identidade propia" e cunha oferta "descentralizada" por barrios e parroquias

Presentación da programación de Nadal en Pontevedra
Presentación da programación de Nadal en Pontevedra / Cristina Saiz

Co acendido da iluminación, previsto para o próximo 5 de decembro na Praza de España, arrancará oficialmente o Nadal en Pontevedra.

"Queremos que media Pontevedra estea presente ese día", asegurou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que avanzou este mércores que ese día haberá "algunha que outra sorpresa" que non quixo revelar.

Fernández Lores, acompañado do edil responsable da área municipal de festas, Demetrio Gómez, presentou toda a programación do Nadal e prometeu que o deste ano será un Nadal "elegante e moi divertido para todos e todas".

A montaxe de toda esta decoración, que está xa moi avanzada, anticipa que chegan estas festas.

O alcalde destacou que "estamos facendo o que fan todos os veciños nas súas casas", é dicir, adornando o espazo público e poñéndoo "bonito, elegante e acolledor" para celebrar a que, probablemente, é a festa máis entrañable e familiar do ano.

O programa de actividades para todo este mes, entre o 5 de decembro e o 5 de xaneiro, será "100% pontevedrés", garantiu Lores, xa que será "accesible, gratuíto e con identidade propia" e cunha oferta "descentralizada" por barrios e parroquias.

Ademais, esta programación contará coa colaboración de "moitísimas" empresas e artistas de Pontevedra, segundo subliñou o rexedor, que quixo destacar as novidades deste ano.

Así, o Pazo da Cultura acollerá o martes 9 de decembro a representación de ballet coa montaxe de O quebranoces e o Teatro Principal, o martes 30 de decembro, fará o mesmo cun espectáculo de Os Bolechas, ambas as abertos ao público.

A terceira das novidades é que a tradicional recepción dos Reis Meigos, o día 5 de xaneiro, cambia de escenario e será no salón de plenos da casa consistorial.

A eles sumaranse os "clásicos de sempre", engadiu Fernández Lores, que resaltou especialmente unha nova edición da carreira popular de San Silvestre, o 31 de decembro, e que "é unha, senón a que máis, das máis participadas de Galicia".

Repetirán tamén a pista de xeo en Montero Ríos, o poboado do Nadal da Praza da Ferrería, a cabalgata dos Reis Meigos ou as actividades do Nadal no mercado de abastos e nos distintos centros sociais repartidos por todo o municipio.

Presentación da programación de Nadal en Pontevedra
Presentación da programación de Nadal en PontevedraCristina Saiz

Desde Pontevedra, ademais, fixeron un chamamento para que este Nadal sexa "responsable" e que os pontevedreses "teñan en conta" o comercio local para facer as súas compras.

A este respecto, o alcalde lembrou que, aínda que moitas das actividades son gratuítas, será necesario presentar un ticket de compra nun destes comercios "porque queremos que o Nadal sirva tamén para dinamizar a actividade económica dá propia cidade".

"Vale calquera tipo de ticket. Cunha barra de pan dun euro, xa se pode ir á pista de xeo ou onde sexa", detallou o máximo responsable do goberno municipal.

Arquivado en