O Nadal está ao virar a esquina e a proposta de lecer típica destas datas empeza a asomar xa en Pontevedra á espera da apertura das súas atraccións e do aceso da iluminación.
Entre elas atópase a pista de xeo instalada na Avenida Montero Ríos de Pontevedra, unha actividade propia do inverno pero que nos últimos anos foi cambiando as súas características ao proliferar as pistas sintéticas, máis fáciles de instalar e con menor custo de mantemento.
Esta superficie non satisfai a todos, e así o mostrou en público unha escola de patinaxe da cidade, Patina y Logra.
Fíxoo a través dun vídeo gravado por 16 alumnos e alumnas da escola para pedir a "auténtica" pista de xeo que se habilitaba até o ano 2021.
"Queremos pista de xeo… non de plástico!", afirman.
"Levamos anos coa mesma pista de plástico cada Nadal e non se pode patinar nin gozar como nunha pista de xeo real. Encantaríanos que o ano que vén volva a pista auténtica, para que toda a cidade poida gozala como antes", sinalan desde esta escola.
Asegura a súa responsable, Alba Freijeiro López, que se trata dunha "unha petición cidadá lexítima, realizada de forma respectuosa, que reflicte a opinión de moitas familias de Pontevedra".
Para este ano xa é tarde, pero confían en que a súa petición teña efecto e poder volver gozar no futuro de auténtico xeo no nadal da Boa Vila.