Catro novas cineastas, protagonistas do LAB de Novos Cinemas

Pontevedra
02 de decembro 2022

Delfina Carlota, Elisa Celda, Carmen Pedrero e Sara Traba. Son as catro cineastas que poderán desenvolver os seus proxectos artisticos no marco do LAB do festival Novos Cinemas, que se celebrará en Pontevedra entre os días 13 e 18 de decembro

Cineastas seleccionadas para o LAB de Novos Cinemas
Cineastas seleccionadas para o LAB de Novos Cinemas / Novos Cinemas

Delfina Carlota, Elisa Celda, Carmen Pedrero e Sara Traba. Son as catro cineastas que poderán desenvolver os seus proxectos artisticos no marco do LAB do festival Novos Cinemas, que se celebrará en Pontevedra entre os días 13 e 18 de decembro.

Todas elas estarán titorizadas por un equipo formado pola socióloga, xestora cultural e docente Isona Admetlla, o cineasta Eloy Domínguez Serén, a coordinadora editorial e programadora de Filmin Elodie Mellado, e a produtora, performer e directora teatral Montse Triola.

O proxecto de Delfina Carlota, que está en proceso de escritura, é Arroyo invisible, un relato epistolar no ue narradora fálalle a unha amiga que marchou sobre os seus soños recorrentes.

Nadie nos lo dijo de Elisa Celda, no mesmo punto de desenvolvemento, trasladará ao espectador a unha Francia e España practicamente deforestadas debido aos incendios de sexta xeración e nas que os mozos están obligados a cumprir un servizo obrigatorio como brigadas forestais.

Carmen Pedrero é a responsable de Las zonas erógenas, protagonizada por unha nena que comeza a masturbarse e a sentir curiosidade polos corpos, en especial polo seu. Ata que seus pais deciden levala a terapia polo seu comportamento.

O traballo máis avanzado é o de Sara Traba. En As cárcavas, a filla dunha emigrante galega en Alemaña regresa á terra da súa nai para buscar o seu derradeiro vínculo coa orixe materna.

ENCONTROS LUSO-GALAICOS

Nesta edición, Novos Cinemas proporá ademais encontros luso-galaicos para fomentar o diálogo e a sinerxía entre os axentes implicados no feito cinematográfico e nel intercámbianse experiencias e reflexións sobre aspectos que determinan o devir do cinema.

Así, o público poderá achegarse aos procesos de ideación e creación de Andrés Sanjurjo e Zeltia Outeriño, cineastas galegos; e de Susana Nobre, cineasta lisboeta que protagoniza o FOCO deste ano e que completará a súa presenza mediante un encontro co público.

O festival tamén contará coa presenza da Escola Superior de Media Artes e Design, un dos centros de educación e formación audiovisual máis importantes de Portugal. José Quinta Ferreira, docente vencellado ao organigrama científico do centro, exporá as liñas mestras do seu programa académico.

Alén disto, unha mesa sobre a creación e a produción cinematográfica independente, moderada pola equipa do festival, completará a oferta desta edición.