Seis días de cine en maiúsculas co inicio en Pontevedra de Novos Cinemas

Pontevedra
14 de decembro 2022

Seis días de proxeccións e trece filmes a concurso nas dúas seccións. Novos Cinemas, o festival internacional de cine de Pontevedra, subiu o pano este martes. Fíxoo no Teatro Principal cunha sesión inaugural na que se proxectou Los Saldos, o documental dirixido por Raúl Capdevila

Inauguración da Edición 07 de Novos Cinemas
Inauguración da Edición 07 de Novos Cinemas / Mónica Patxot

Seis días de proxeccións e trece filmes a concurso nas dúas seccións. Novos Cinemas, o festival internacional de cine de Pontevedra, subiu o pano este martes. Fíxoo no Teatro Principal cunha sesión inaugural na que se proxectou Los Saldos, o documental dirixido por Raúl Capdevila.

Numerosas personalidades achegáronse a esta xornada inaugural do festival que, como cada ano, exhibirá as primeiras ou segundas películas dos cineastas chamados a protagonizar o futuro do cine nos seus países de orixe e, nalgún caso, en todo o mundo.

Ao longo destes días, o público poderá ver filmes chegados desde Tailandia, Singapur, Países Baixos, Filipinas, Canadá, Arxentina, Alemaña, Francia, Polonia, México, Estados Unidos, Suíza e Brasil. Serán todos estreas en Galicia e case metade tamén estreas en España.

O pase das primeiras películas a concurso será este mércoles.

Ás 12:00 horas abrirá a sección Latexos co filme Álbum para la juventud, de Malena Solarz.

As outras tres proxeccións, xa dentro da sección oficial, serán Arnold is a model student, do director tailandés Sorayos Prapapan (16:30 horas), Unrueh, da cineasta suíza Cyril Schäublin (19:00 horas) e Nomotopowell, do estadounidense Brent Chesanek (21:30 horas).

Xunto ás proxeccións, a programación abrangue tamén encontros con cineastas como a portuguesa Susana Nobre, ao que o festival dedica a súa sección Foco, diversas conferencias e actividades formativas ou o LAB, un espazo no que catro directoras recibirán o asesoramento dun equipo profesionais para o desenvolvemento dos seus proxectos cinematográficos. 

OBRADOIRO UNIVERSITARIO

Esta xornada inaugural da Edición 07 de Novos Cinemas comezou coa estrea dunha serie de curtas do alumnado do campus de Pontevedra. Dez estudantes traballaron nos últimos meses na elaboración destas pezas cos cineastas Helena Girón e Samuel Delgado como titores.

Os directores de Eles transportan a morte guiaron aos participantes na creación dunhas curtas que exploraron o carácter máis sensorial do cinema e as posibilidades que a interrelación entre son e imaxe pode achegar ás estruturas narrativas.

Alejandro López, Enrique Pena, Tamara Goberna, Antía Encisa, Álex Viador, Sara Alonso, Alba Pérez, Ana Laura Rodríguez, Fernando Areal e Andrea San Miguel foron os participantes.