Cerdedo-Cotobade empeza a preparar o Día das Letras Galegas 2019, adicado a Antón Fraguas

Cerdedo Cotobade
25 de setembro 2018

O presidente municipal de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, vén de manter unha primeira reunión preparatoria cos máximos representantes da Editorial Galaxia sobre o Día das Letras Galegas 2019, que estará adicado ao escritor, etnógrafo e historiador cotobadés Antón Fraguas

Reunión na Editorial Galaxia para preparar o Día das Letras Galegas 2019
Reunión na Editorial Galaxia para preparar o Día das Letras Galegas 2019 / Concello de Cerdedo-Cotobade

A preparación do Día das Letras Galegas 2019, que estará adicado ao escritor, etnógrafo e historiador cotobadés Antón Fraguas, está xa en marcha.

O presidente municipal de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, aceptou a invitación cursada pola Editorial Galaxia para manter un primeiro encontro preparatorio en Vigo que contou coa participación do presidente e do director xeral da editora, Antón Vidal e Francisco Castro, entre outros.

Cubela sinalou tras o encontro que se abordaron diversos proxectos literarios e culturais sobre Antón Fraguas para o próximo ano, así como outras posibles iniciativas que se realizarán no municipio.

A reunión "é a primeira de moitas", sinalou, xa que hai previstos encontros de traballo ata final de ano con diversos colectivos e institucións como a Consellería de Cultura, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Fundación Antón Fraguas ou o consello escolar do IES de Cotobade.