Cerponzóns 'ponse a mil' cun libro e un documental sobre a súa historia

Pontevedra
18 de xuño 2019

Cerponzóns dá un paso máis na celebración do seu milenio cunha peza audiovisual e un proxecto editorial que repasa a historia desta parroquia. Ambas as dúas iniciativas forman parte da ampla programación que Cerponzóns, co impulso da asociación de veciños O Chedeiro, puxo en marcha este 2019 para conmemorar os mil anos do primeiro documento que, de maneira oficial, fai referencia á parroquia

Presentación do libro e do documental sobre Cerponzóns
Presentación do libro e do documental sobre Cerponzóns / Mónica Patxot

Un documental rodado por Pablo Cacheda e un libro escrito por Rodrigo Cota e o seu fillo. Cerponzóns dá un paso máis na celebración do seu milenio cunha peza audiovisual e un proxecto editorial que repasa a historia desta parroquia.

Ambas as iniciativas forman parte da ampla programación que Cerponzóns, co impulso da asociación de veciños O Chedeiro, puxo en marcha este 2019 para conmemorar os mil anos do primeiro documento que, de maneira oficial, fai referencia á parroquia.

Cerponzóns, referido como "Serpentiones", aparece por primeira vez nun inventario da diócese de Santiago, datado o 30 de marzo de 1019. Esa é a data elixida para esta conmemoración, pero a súa historia remóntase a máis atrás.

O escritor Rodrigo Cota, coautor de 1.000 anos de historia en Cerponzóns, lembrou que na parroquia hai rastros de petróglifos e da pegada que romanos e celtas deixaron na zona, co paso da vía romana XIX e os restos dun castro que aínda se conserva.

O seu libro, explicou, é un traballo "colectivo" que recolle o traballo de investigadores que estudaron as orixes ou os elementos patrimoniais da parroquia e os contextualiza incorporando " moitas historias persoais" xurdidas de conversacións cos veciños.

O libro será presentado o vindeiro venres 28 de xuño, ás 21.00 horas, no centro social de Cerponzóns. A entrada é libre e cada asistente levará un exemplar.

Pola súa banda, o Teatro Principal acollerá este xoves 20 de xuño, ás nove da noite, a estrea do documental Cerponzóns a mil, un traballo de 41 minutos que recolle as gravacións e entrevistas que o realizador Pablo Cacheda realizou durante catro días a máis de corenta veciños e veciñas de Cerponzóns.

Trátase dun documental "en forma de conversas cos veciños" e que, segundo Cacheda, serviu como "escusa" para que os paisanos de Cerponzóns "falasen entre eles", o que derivou en situacións "moi divertidas" e momentos "emotivos" que se recollen neste traballo.

A celebración dos mil anos de Cerponzóns, que se iniciou ao comezo do ano, incluíu entre outras actividades conferencias mensuais e roteiros especializados. O secretario da asociación O Chedeiro avanzou que, ao longo dos próximos meses, organizaranse moitos máis actos de conmemoración destas importante efemérides.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora