O Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) xunto á Delegación de Pontevedra do Colexio de Arquitectos organizan o vindeiro venres, 6 de xuño, a presentación do libro “Mis Casas”, do arquitecto César Portela.
O acto celebrarase ás 19:00 horas no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra.
A publicación, editada polo COAG en colaboración coa compañía lumínica de Pontevedra SETGA, é un volume que ofrece un percorrido íntimo polas vivendas unifamiliares proxectadas polo autor ao longo da súa dilatada traxectoria profesional, moitas delas deseñadas para amigos, ou clientes, que co tempo se converteron en amigos.
O libro reflicte unha parte íntima do arquitecto, amosando non só os seus proxectos senón tamén as relacións humanas que o inspiraron.
A portada do libro ten un debuxo do pai de César Portela, Agustín, a quen dedica a publicación xunto a súa nai Adriana.
Recolle dezaoito casas proxectadas por Portela entre 1972 e 2003 e comentadas polos seus moradores, de Bueu, Salcedo, Santiago, Mourente, Vilaxoán, Marín, Poio, Vila de Cruces, Cambre, Brión, Redondela, Meis, Cotobade, Cangas e Vilamarín; ademais doutras tres casas singulares en Campañó, Pontevedra e Fisterra.
O acto estará presentado polo presidente da Delegación de Pontevedra do COAG, Anselmo Villanueva, e contará coas intervencións dos arquitectos Antonio Barrionuevo e Jesús Llamazares, do historiador Xosé Fortes, todos eles amigos persoais de Portela.
Por último, intervirá o propio César Portela, quen compartirá detalles e anécdotas das súas obras máis significativas.