Pontevedra impulsa a lectura en galego cun investimento de 11.500 euros en librarías locais

Pontevedra
30 de maio 2025

Con esta iniciativa, o Concello busca celebrar o Mes da Lingua e as Letras Galegas, fornecendo de material a centros educativos e diversas entidades co obxectivo de fomentar a lectura en galego

Demetrio Gómez cas representantes das librarías Nobel, Cronopios e Paz
Demetrio Gómez cas representantes das librarías Nobel, Cronopios e Paz / PontevedraViva

O Concello de Pontevedra, a través da Concellaría de Cultura, dirixida por Demetrio Gómez, puxo en marcha un importante proxecto de apoio ás librarías locais e de fomento da lectura en galego.

Cun investimento de case 11.500 euros, a iniciativa busca dinamizar o sector e enriquecer os fondos bibliográficos da cidade, en especial con motivo do Día das Letras Galegas.

Tal e como explicou Gómez, os libros están distribuídos de maneira equitativa entre as 17 librarías de Pontevedra que participan neste proxecto.

Pero a colaboración vai máis aló da simple compra de libros, xa que as librarías tamén "botan unha man á hora de seleccionar" os diferentes títulos, que serán os editados con motivo das Letras Galegas e outros xa existentes de anteriores edicións.

Entre as novidades adquiridas destaca "Antífona da Cantiga" de Ramón Cabanillas ademais dun proxecto persoal dun pai que, ante a falta de material para a súa filla, comezou a crear sopas de letras en galego, publicando posteriormente varios libros desta temática para nenos e nenas de 9-10 anos e tamén para outras idades máis avanzadas.

Os libros estarán distribuídos en lotes diferenciados para diversos colectivos. Un estará dirixido aos centros de educación infantil e primaria, outro para os participantes no programa "Ben Veñas, Maio", e un terceiro entregarase o día 3 de maio ás entidades colaboradoras para celebrar o "Mes da Lingua".

Xunto a Demetrio Gómez estiveron representantes das librarías Cronopios, Paz e Nobel, quen expresaron o seu agradecemento por este apoio municipal e sinalaron a importancia deste respaldo máis aló do propio Día das Letras Galegas, permitindo que a celebración se estenda no tempo e "cando todo o mundo estea máis activo".

Tamén resaltaron o papel de colexios e institutos como "grandes centros dinamizadores" da lectura, ou a temática deste ano, "mulleres que cantaban", que ofrece "moito máis xogo para vender libros e que as editoriais se lancen máis a publicar".

En canto á venda xeral, indicaron que vai ben, aínda que lles gustaría contar con máis autoras e autores, así como con máis traducións ao galego ou que as novidades cheguen simultaneamente en ambos os idiomas.

Por último, destacaron que a literatura infantil é a que mellor se vende e que os libros ilustrados están a funcionar moi ben, aínda que mostraron a súa preocupación porque "o galego se está perdendo, sobre todo a partir dos 10 anos por tema modas", polo que consideran "moi importante" que os mozos lean en galego