Milleiros de voces participarán no Correlingua este xoves unindo o galego e a mocidade

Pontevedra
28 de maio 2025

A 25ª edición do Correlingua reunirá este 29 de maio máis de mil estudantes de toda a comarca baixo o lema “A mocidade activa por unha lingua viva”, con música, manifestos e percorridos pola cidade

Correlingua
Correlingua / Monica Patxot - Arquivo

Pontevedra converterase este xoves 29 de maio no epicentro da defensa do galego coa chegada do Correlingua 2025, unha mobilización festiva, educativa e reivindicativa que celebra a súa 25ª edición e que leva por lema "A mocidade activa por unha lingua viva".

Máis de 1.000 alumnas e alumnos de 23 centros de ensino de Pontevedra e concellos da contorna participarán nunha xornada que mestura marcha pola cidade, lectura de manifestos e música ao vivo.

O evento, que xa pasou por Ferrol e Lugo esta semana, bota a andar en Pontevedra ás 10:30 horas na Alameda, onde terá lugar a benvida e presentación dos centros participantes.

O alumnado de educación infantil fará un percorrido adaptado pola cidade, mentres que os de primaria e secundaria seguirán unha ruta máis longa que atravesará lugares emblemáticos como a Praza da Peregrina, A Ferraría, a Praza da Pedreira ou a Rúa do Barón, para rematar de novo na Alameda.

A partir das 11:35 horas lerase o manifesto deste ano, froito dos obradoiros "Desata a lingua 2024", coordinados polas escritoras María Lado, Ana Carreira e Lucía Aldao, e nos que participaron estudantes de toda Galicia.

O texto reivindica o compromiso da mocidade co futuro da lingua galega e a súa capacidade para facer dela un instrumento de orgullo, cultura e convivencia.

A música tamén terá o seu espazo coa actuación de Os John Deeres, un dos grupos gañadores do concurso Cantalingua, que porá banda sonora a esta festa do idioma.

A partir das 12:25 horas, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, dará un saúdo institucional, seguido da entrega de diplomas e a despedida oficial da xornada.

Participan nesta edición centros educativos de Pontevedra como os CEIPs Manuel Vidal Portela, Praza de Barcelos ou San Martiño; os IES A Xunqueira I, Frei Martín Sarmiento ou Sánchez Cantón, entre outros, así como colexios de Poio, Vilaboa, Meis, Barro, Ribadumia, Caldas, Portas, O Grove e Pontecaldelas, demostrando que a defensa do galego transcende fronteiras e une á mocidade de toda a comarca.

O Correlingua, que celebra xa 25 anos de vida, é unha actividade consolidada no calendario educativo galego que convida a reivindicar, con alegría e participación, o dereito a vivir en galego. Porque como di o manifesto: "O galego permanece sementado en nós. A mocidade activa por unha lingua viva!".