O Correlingua enche a Boa Vila de mocidade activa por unha lingua viva

Pontevedra
30 de maio 2025
Actualizado: 10:46

Colexios e institutos de Pontevedra, Poio, Ponte Caldelas, Vilaboa, Barro, Portas, Caldas, Meis, Ribadumia e O Grove tomaron a Alameda nesta carreira a prol dos dereitos da lingua galega

Correlingua 2025
Correlingua 2025 / Pablo Ajuria

Máis de 1.600 alumnos dunha vintena de centros educativos participaron este xoves no Correlingua.

Nesta ocasión foi a Boa Vila a que acolleu esta carreira reivindicativa en prol dos dereitos da lingua galega, unha iniciativa inspirada na Korrika, que percorre o País Vasco a prol da lingua éuscara ou o Correllengua, que é unha carreira pola lingua catalá.

Colexios e institutos de Pontevedra, Poio, Ponte Caldelas, Vilaboa, Barro, Portas, Caldas, Meis, Ribadumia e O Grove tomaron a Alameda para logo percorrer cantando e berrando as rúas do centro da capital e voltar ao punto de saída.

Logo se leu o manifesto "Unha mocidade activa por unha lingua viva!" onde se dixo alto e claro que "o galego é un tesouro".

Insistiuse en que as novas xeracións teñen a forza e a determinación para defender o futuro da lingua "porque somos unha mocidade comprometida e nas nosas mans está manter o galego vivo".

Un compromiso que agradeceu desde o palco da Alameda o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que animou á rapazada a "falar sempre galego en todas as facetas da vida" e deulles as grazas por apoiar este idioma "dos que vos podedes sentir moi orgullosos e co que podedes andar por todo o mundo".

Tras estes discursos volveu a festa rachada coa música do grupo Os John Deeres, gañadores do certame paralelo desta proposta, o Cantalingua, e que este mércores recibiron o Premio Martín Códax ao mellor grupo de rock.