O Cineclube Pontevedra comeza a programación do mes de novembro coa proxección en copia restaurada dun dos máis belos filmes que deu o cinema: A quimera do ouro, de Charles Chaplin, no ano en que se celebra o centenario da súa estrea en Hollywood. Esta sesión, que terá lugar o luns 3 de novembro, realízase en colaboración coa Filmoteca de Galicia.
Os martes do mes, pola súa banda, estarán dedicados á exhibición de tres filmes estreados en salas durante este ano: a ópera prima do director arxentino Federico Luis, a primeira incursión na ficción do reputado documentalista Roberto Minervini e o último traballo do mestre chinés Jia Zhangke.
LUNS 3 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA
A QUIMERA DO OURO. Charles Chaplin, 1925, EE UU, 96 minutos. Lingua orixinal: muda.
A finais do século XIX e en plena febre do ouro, Charlot é un vagabundo que chega a Alasca en busca de fortuna. Tras ser sorprendido por unha treboada de neve, refúxiase nunha cabana próxima, onde comenza un percorrido no que coñecerá a Georgia, Big Jim e Black Larsen. Durante a súa estancia enfrontarase ao frío, á fame e á soidade, á neve e mesmo a ataques de osos.
Cen anos despois da súa primeira proxección no Grauman's Egyptian Theatre de Hollywood, volve á gran pantalla un dos grandes clásicos de Chaplin, en versión restaurada.
MARTES 4 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA
SIMÓN DA MONTAÑA. Federico Luis, 2024, Arxentina, 98 minutos, Versión orixinal.
Simón ten 21 anos e vive en Arxentina. Desde hai pouco frecuenta un novo grupo de amizades. Con eles, por vez primeira, sente que pode ser el mesmo. Mais a súa contorna está preocupada e xa non o recoñece. E se Simón quixese converterse noutra persoa?
A ópera prima do director arxentino Federico Luis cuestiona a noción de capacidade humana cunha mirada desprexuizada. Foi merecedora do Gran Premio da Semana da Crítica no Festival de Cannes 2024.
MARTES 11 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA
OS MALDITOS. Roberto Minervini, 2024, EEUU, 88 minutos, Versión orixinal subtitulada en español. Lingua orixinal: inglés
Inverno de 1862. En plena Guerra de Secesión, o exército estadounidense envía unha compañía de soldados voluntarios aos territorios do oeste, coa misión de patrullar as inexploradas terras fronteirizas. A medida que a súa misión muda de rumbo, o significado do seu compromiso comeza a escapárselles.
O reputado documentalista Roberto Minervini debuta no eido da ficción cun western despoxado de épica que volve a mirada ao pasado estadounidense para abordar un dos seus fitos fundacionais. Foi merecedor do premio á Mellor Dirección na sección Un Certain Regard do Festival de Cannes 2024.
MARTES 18 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA
Á DERIVA. Jia Zhangke, 2024, China, 111 minutos, Versión orixinal subtitulada en español. Lingua orixinal: chinés mandarín.
A inicios dos anos 2000, en China, Qiaoqiao e Bin viven un amor apaixonado pero fráxil, cantando, bailando e gozando de todo o que a cidade de Datong lles pode ofrecer. Pero un día Bin decide probar sorte noutra provincia máis grande e marcha sen avisar nin deixar rastro. Tempo despois, Qiaoqiao decide emprender unha viaxe para tratar de localizalo.
A última obra do mestre chinés é unha epopea amorosa que atravesa dúas décadas da convulsa historia recente da China a través da montaxe de imaxes gravadas ao longo de anos, incluíndo material de arquivo de anteriores filmes. É tamén unha oda a Zhao Tao, unha das actrices máis indispensables e menos reivindicadas do noso tempo.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.