Chega a Cotobade "Amantes da Terra", o espectáculo que homenaxea a Antonio Fraguas

Cerdedo Cotobade
08 de maio 2019

Máis de 130 artistas participan na posta en escena. O proxecto, de Queiman e Pousa, fai un percorrido contemporáneo pola música e as tradicións de Galicia

Presentación do espectáculo "Amantes da Terra"
Presentación do espectáculo "Amantes da Terra" / Concello de Cerdedo Cotobade

Este sábado 11 de maio as 21.00 horas no Pavillón do IES de Cotobade representarase o espectáculo "Amantes da Terra" concibido coma para homenaxear ao intelectual galego Antonio Fraguas ao que se lle adica este ano o Día das Letras Galegas.

"Poñemos sobre o escenario moito do que Antonio Fraguas nos deixou sobre o noso pasado, sobre os costumes do noso país, sobre as nosas festas, e propoñémolo coma unha ferramenta para construír o futuro", explican dende a productora Queiman e Pousa.

Música tradicional, baile, audiovisuais ou poesía son algúns dos elementos cos que construíron un espectáculo que protagonizan 130 artistas e que promove a Concellalía de Cultura de Cerdedo-Cotobade ao abeiro do Programa Musigal 2019 co que a Deputación de Pontevedra favorece a programación artística nos concellos da provincia.

Tanto na concepción do espectáculo coma no seu elenco, Queiman e Pousa quixeron contar con presenza de coñecemento e talento da terra natal de Antonio Fraguas. De aí a participación do grupo de gaitas e baile da Asociación Cultural Foula de Cerdedo-Cotobade.

Ademais, no traballo de investigación desenvolto para este espectáculo foi decisivo o apoio de investigadoras, veciños, amigos e institucións fondamente coñecedoras de Fraguas a a súa obra. É o caso da escritora e profesora Malores Villanueva, de Cerdedo-Cotobade e estudosa do traballo do intelectual homenaxeado. Institucións de ámbito galego, coma a Fundación Otero Pedrayo, tamén fixeron importantes achegas.

Sobre o estaribel estarán, ademais do gurpo de gaitas e baile de Foula, de Andrea Pousa e do Bruxo Queiman, dúas corais e unha banda de música. Trátase da Banda de Música Unión de Lantaño, e das voces da Coral Vales Mahía, de Bandeira, e da Coral San Salvador de Camanzo, de Vila de Cruces.

Tamén é moi importante, na construcción de ‘Amantes da Terra’, o traxe galego. 

O traballo de investigación feito para o espectáculo é ademais a base dun documental sobre Antonio Fraguas de dez minutos de duración, que se proxecta ao inicio. 

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora