Chega 'Guerrilla', o festival que trae a Pontevedra a cultura máis comprometida coas loitas sociais

Pontevedra
28 de novembro 2022

Durante os días 1, 2, 3 e 4 de decembro Pontevedra vai encherse de cultura reivindicativa

Pepe Viyuela, coa súa obra "Encerrona"
Pepe Viyuela, coa súa obra "Encerrona" / Culturactiva

Durante os días 1, 2, 3 e 4 de decembro Pontevedra vai encherse de cultura reivindicativa. 

Nesta segunda edición do 'Guerrilla'  os eixos temáticos principais das xornadas serán a educación durante o franquismo, a censura musical na dictadura e a loita do pobo saharauí. 

En cada unha das xornadas haberá un faladoiro para conversar e reflexionar sobre estes temas con persoas expertas e un espectáculo comprometido de peche. 

Por esta segunda edición de Guerrilla pasarán espectáculos como "Encerrona" de Pepe Viyuela, "Grándola de mi querer" de Luís Pastor, ou a obra teatral "As Alumnas". 

Ademais, o domingo haberá unha gala de peche a prol do pobo saharauí onde estarán artistas como Uxía Senlle, Yslem Hijo del Desierto, Dakidarría ou Isabel Risco. 

Guerrilla é unha iniciativa impulsada polo Concello de Pontevedra e Culturactiva Sociedade Cooperativa Galega que ten o obxectivo de pór en valor as loitas sociais e culturais históricas que se artellaron no noso país e demostrar que non están mortas. "Guerrilla é o vivo exemplo de que dende todos os recunchos de Galicia e do resto do mundo estanse a facer pequenas accións culturais para construir unha sociedade xusta para todos e todas".