Chegan os venres 'golfos' de Ponteatro con "Panamericana" de A Panadaría

Pontevedra
20 de outubro 2016

A proposta máis gamberra do ciclo Ponteatro xa está aquí. O Teatro Principal acollerá este venres 21 de outubro, a partir das 23.59 horas, a primeira sesión dos venres 'golfos' desta proposta cultural. Será coa representación da obra Panamericana, da compañía galega A Panadaría

Escena de "Panamericana", da compañía A Panadaría
Escena de "Panamericana", da compañía A Panadaría / A Panadaría

A proposta máis gamberra do ciclo Ponteatro xa está aquí. O Teatro Principal acollerá este venres 21 de outubro, a partir das 23.59 horas, a primeira sesión dos venres 'golfos' desta proposta cultural. Será coa representación da obra Panamericana, da compañía galega A Panadaría.

Panamericana é un espectáculo que fala dun sistema perverso e dos soños rotos dende unha óptica optimista e divertida. Unha festa teatral de cor, pluma e música, segundo sinalan desde a compañía.

Nela, Miranda Celia del Río é unha artista de éxito no seu país, Panamérica, pero a presión da fama fai que fuxa na procura dunha vida mellor. A súa escapada remata na Provincia, unha vila na que se terá que enfrontar ao seu laberíntico e absurdo aparello burocrático, sanitario e financeiro.

"É unha caricatura na que xa non sabemos se este mundo é como é ou como nós o percibimos", explican os responsables de A Panadaría.

A obra, que recibiu tres candidaturas aos Premios María Casares 2016 de teatro, foi creada e está protagonizada por Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman.

As entradas pódense conseguir en www.ataquilla.com a un prezo de oito euros. No caso de non esgotarse estarán á venda na billeteira unha hora antes do inicio da función.