O cartel musical das Festas de San Roque de Vilagarcía segue a completarse. E, desta vez, cunha das artistas máis populares do panorama nacional: Chenoa.
A artista, que saltou á fama tras participar na primeira edición de Operación Triunfo, hai xa 25 anos, actuará no parque da Xunqueira o venres 21 de agosto, ás 22:30 horas.
O seu concerto, como o resto da programación festiva, será de acceso libre e gratuíto.
Chenoa chegará a Vilagarcía en plena xira por distintos puntos de España para celebrar a súa exitosa carreira artística.
O show que verán os vilagarciáns e visitantes preséntase como un percorrido pola nosa vida recente.
Así, soarán dende o icónico "Cuando tú vas", "Todo irá bien" ou "En tu cruz me clavaste" ata a frescura actual de "Bailar contigo".
Segundo a súa produtora, unha demostración de que a cantante, agora aínda máis popular pola súa faceta de presentadora televisiva, "sabe reinventarse sen perder a súa esencia brava".
Unha carreira avalada ademais polas colaboracións con nomes tan recoñecidos da música actual como Carlos Baute, David de María, Andrea Bocelli, Ricardo Arjona ou Gloria Trevi.
Chenoa súmase así ao cartel de grandes recitais que está preparando o Concello.
Ata agora xa se coñece que tres días antes, o 18 de agosto, ao escenario da Xunqueira subirá Marky Ramone, o famoso baterista e último membro vivo da mítica banda The Ramones.
Nas vindeiras semanas farase público o resto de artistas que actuarán en San Roque, unha mestura de estilos que busca chegar a todos os gustos e idades.