Vilagarcía prepárase para o arranque da tempada festiva coa celebración de Santa Rita, unha das citas máis populares e concorridas do calendario local.
O Concello presentou este martes unha programación que se desenvolverá entre os días 21 e 24 de maio e que combinará tradición, música, gastronomía, actividades familiares e propostas culturais nunha romaría urbana que cada ano atrae milleiros de persoas de toda a comarca.
O alcalde, Alberto Varela, destacou durante a presentación o carácter especial destas festas, que considera a antesala do intenso calendario estival da cidade.
Segundo sinalou, Santa Rita marca o inicio dunha etapa "na que Vilagarcía practicamente encadea celebracións ata finais de setembro", culminando coas festas de San Roque.
O rexedor incidiu tamén na identidade propia desta romaría, capaz de mesturar "os elementos máis tradicionais das festas populares galegas" cun ambiente plenamente urbano e cunha programación moderna pensada para públicos moi diversos. Unha fórmula que, ao seu xuízo, explica o forte arraigo que Santa Rita conserva tanto na vila como nos concellos da contorna.
A concelleira de Cultura, Sonia Outón, avanzou que este ano se agarda unha elevada participación, favorecida pola coincidencia do festivo principal, o 22 de maio, en venres. Esta circunstancia permitirá a moitas persoas alongar a estancia durante toda a fin de semana.
Entre as principais novidades da edición deste ano figura un concerto tributo a Alejandro Sanz, previsto para a noite do sábado na Xunqueira. O espectáculo, titulado Lo que fui es lo que soy, estará protagonizado por Fran Valenzuela, coñecido pola súa participación no programa televisivo Tu cara me suena todavía. A actuación repasará algúns dos grandes éxitos do artista madrileño e arrancará ás 22.30 horas con entrada gratuíta.
Outro dos pratos fortes serán as verbenas da avenida da Mariña. O xoves subirá ao escenario a orquestra Kubo, unha formación en ascenso que aposta por un espectáculo visual coidado e unha potente posta en escena.
O venres será a quenda da veterana Orquestra Capitol, mentres que o domingo a música correrá a cargo de Moe DJ, habitual das noites da sala A Condesa e figura coñecida nas pistas de baile galegas desde hai máis de dúas décadas.
A programación manterá ademais un dos sinais de identidade da celebración como é a Feira Celta da Xunqueira, que abrirá o xoves pola tarde con arredor de medio cento de postos de artesanía e gastronomía ambientados na cultura castrexa. O espazo contará tamén con animación musical, actividades infantís e diferentes propostas lúdicas durante toda a fin de semana.
As agrupacións locais volverán ter un protagonismo destacado. Os grupos de gaitas e formacións folclóricas amenizarán as rúas diariamente, mentres que o programa Son da Casa! incluirá o domingo no Auditorio o espectáculo Érase outra vez. O Musical, da Escola de Música Coda coa colaboración da Sinfonietta da Escola Municipal Bernardo del Río.
O público familiar disporá igualmente dunha ampla oferta específica, con sesións de curtas do Festivaliño On the Road, contacontos na biblioteca, teatro familiar no Salón García e actividades vinculadas ás Letras Galegas.
Como manda a tradición, tampouco faltarán os ingredientes máis típicos da romaría como os postos de polbo, churrasco, rosquillas e churros arredor de Vista Alegre; as celebracións relixiosas e a procesión do venres; as atraccións do Parque Miguel Hernández e da TIR; nin as citas deportivas, entre elas a IV Regata Santa Rita e o Torneo Santa Rita de balonmán cadete.
O programa completo das festas e os horarios detallados poden consultarse na web municipal do Concello de Vilagarcía de Arousa e tamén a través das redes sociais institucionais.