Piden un ano e oito meses de prisión para un veciño de Vilagarcía por incitar ao odio contra inmigrantes en Facebook

Pontevedra
10 de maio 2026

O xuízo na Audienca de Pontevedra terá lugar o xoves 14. O acusado presuntamente publicou durante meses mensaxes violentas contra musulmáns

Usuario dun ordenador
Usuario dun ordenador / Photo by Kaitlyn Baker

A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra celebrará o próximo 14 de maio unha audiencia preliminar contra un veciño de Vilagarcía de Arousa acusado dun delito de incitación ao odio.

A Fiscalía sostén que o procesado utilizou a súa conta persoal na rede social Facebook para difundir de maneira sistemática comentarios e expresións que buscaban xerar sentimentos de hostilidade cara a colectivos vulnerables por razón da súa orixe nacional ou relixión.

Segundo o escrito de acusación, os feitos desenvolvéronse entre febreiro de 2017 e xuño de 2018. O acusado mantivo un perfil con acceso aberto ao público xeral, onde compartiu noticias e viñetas acompañadas de textos propios.

O Ministerio Fiscal sinala que o home era plenamente consciente de que as súas publicacións non só menosprezaban as persoas pola súa cor de pel ou a súa situación de residencia, senón que contribuían a espertar prexuízos susceptibles de pór en risco a "tranquilidade, seguridade e libre exercicio de dereitos" destes colectivos.

O documento da Fiscalía detalla unha serie de intervencións cargadas de violencia verbal. En febreiro de 2017, o acusado referiuse ás persoas de orixe musulmá como "esta peste", engadindo que deberían ser devoltas aos seus países.

Semanas despois, en relación co valo fronteirizo, o escrito recolle que o procesado lamentou que non se utilizase electricidade contra os inmigrantes aos que reiteradamente insultaba coas palabra "monos": "iso é o único que falta (...) por non electrocutar os valos e ían tomar polo cu para África".

A retórica do acusado intensificouse co paso do tempo, chegando a propor agresións físicas directas.

En decembro de 2017, tras compartir unha noticia sobre inmigración, o Ministerio Público indica que o home escribiu: "a todos estes xa deberían ser expulsados desde o primeiro momento ou se non moelos a paus", frase que repetiu en publicacións posteriores insistindo en que "o mellor medicamento é moelos a paus".

Noutras mensaxes, o procesado instou a combater e "exterminar sen compaixón" os seguidores da relixión musulmá, cualificándoos como un perigo para a humanidade.

O Ministerio Fiscal cualifica estes feitos como un delito de odio previsto no artigo 510 do Código Penal. Por iso, solicita para J.A.A. unha pena dun ano e oito meses de prisión, ademais dunha inhabilitación especial para o dereito de sufraxio pasivo.

A petición inclúe unha multa de nove meses cunha cota diaria de 15 euros e inhabilitación por tempo de cinco anos para exercer profesións nos ámbitos docente, deportivo ou de tempo libre.

A Fiscalía tamén demanda a retirada definitiva dos contidos obxecto da causa na rede social e o comiso do ordenador e o disco duro que foron intervidos no domicilio do investigado durante un rexistro realizado en novembro de 2018.

En todo caso, o Ministerio Público recoñece no seu escrito a circunstancia atenuante de dilacións indebidas. O procedemento xudicial permaneceu paralizado sen causa xustificada durante máis de tres anos, concretamente entre xaneiro de 2021 e marzo de 2024, o que supuxo unha redución na petición inicial da condena.

O caso chega á Audiencia Provincial tras a instrución realizada polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Vilagarcía.