Abel Losada destaca a redución da delincuencia en Pontevedra e acusa ao PP de fomentar o odio cara aos indixentes

Pontevedra
20 de maio 2025
Actualizado: 15:19

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, trasladou á cidadanía que "Pontevedra é unha cidade segura", negando que aumentara a delincuencia na cidade

Fernández Lores y Abel Losada
Fernández Lores y Abel Losada / Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra celebrou este martes a Xunta Local de Seguridade na que se deu conta da redución do 6,1% no índice de delincuencia.

A redución na capital é mesmo superior á que leva o conxunto da provincia (demarcación de Policía Nacional e, por tanto, ámbitos das comisarías de Pontevedra, Vigo-Redondela, Vilagarcía e Marín). No conxunto da provincia a redución até este momento do ano con respecto ao anterior é dun 4,82%.

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, trasladou á cidadanía que "Pontevedra é unha cidade segura", do mesmo xeito que o é a provincia e Galicia, que é a segunda comunidade autónoma máis segura de España en relación de delitos por habitante.

Abel Losada incidiu na "utilización absolutamente espuria" por parte do grupo municipal do Partido Popular da situación de seguridade cidadá nunha "estratexia política" que sinalou como "unha translación local do: quen poida facer que faga" e que está baseada en "relatos malintencionados" que reflicten "aporofobia".

Losada criticou especialmente que o PP local propoña baldear con auga as rúas para acabar cos indixentes que pasan a noite nelas e pediu aos populares "que se miren no espello" porque cuestións como a atención psiquiátrica "teñen unha relación moi directa con estas persoas" e son de competencia "case exclusivamente autonómica" e nos orzamentos da Xunta de Galicia son "auténticas cincentas".

Segundo os datos ofrecidos polo subdelegado, no que levamos de ano no concello de Pontevedra non houbo ningún roubo con violencia en vivendas, mentres que o pasado 2024 foron 3. En canto aos roubos con violencia e intimidación fóra das vivendas, pasouse de 16 o ano pasado a 6 no ano en curso.

Os roubos con forza pasaron de 15 a 12 e os roubos con forza en establecementos, "que é esa especie de estado de excepción que nos trasladan desde o Partido Popular" pasaron de 33 a 11, "é dicir, unha redución do 66%".

Os furtos evolucionaron dos 52 rexistrados o pasado ano a 23 neste 2025. As subtraccións en vehículos, de 27 a 15 e a sustración de vehículos, de 10 a 5. Por último, os furtos leves de 277 a 242.

"Esta é a radiografía", insistiu Losada, que criticou que o PP diga que "estamos ao bordo da insurrección, pero o certo é que os datos son os que son".

Na rolda de prensa posterior á Xunta Local de Seguridade, o subdelegado tamén aludiu ás críticas vertidas polos sindicatos policiais que demandan máis persoal para Pontevedra porque que está a crecer a inseguridade.

Losada subliñou que "hai máis policías que nunca" o que permite traballar e garantir a seguridade cidadá como reflicten os datos. Lembrou que isto é froito do traballo dos axentes da Policía Nacional e dos responsables da comisaría polo que ao utilizar ese argumento "non sei si quedan moi ben como profesionais".