A delincuencia descendeu un 8,64% no primeiro trimestre do ano na capital

Pontevedra
11 de abril 2025

No conxunto urbano da provincia a delincuencia descendeu un 4,82% mentres que no ámbito rural subiu un 4,12%

Participantes na Xunta Provincial de Seguridade
Participantes na Xunta Provincial de Seguridade / Subdelegación do Goberno

A Subdelegación do Goberno en Pontevedra acolleu este venres a reunión da Xunta Provincial de Seguridade na que se deu conta dun descenso da delincuencia durante o primeiro trimestre do ano do 4,82% no ámbito urbano, é dicir na Demarcación da Policía Nacional, e unha subida dun 4,12% no ámbito rural, competencia da Garda Civil.

As estatísticas reflicten que na cidade de Pontevedra o descenso total foi dun 8,64%, ao pasar de 822 a 751 delitos. Dentro deste balance global, os delitos graves e menos graves reducíronse un -12,88%.

Nas cidades de Vigo e Redondela a baixada é dun 3,21% no cómputo global (de 3.213 a 3.110 delitos) e o recorte nos graves e menos graves alcanza o 10,86%.

En Vilagarcía a delincuencia retrocedeu un 13,10% no primeiro trimestre do ano e a baixada nos delitos graves e menos graves foi dun 12,61%.

O contrapunto a esta tendencia chega coa Comisaría de Marín que subiu un 5% na delincuencia total (de 160 a 168 delitos) e nun 26,19% nos delitos graves e menos graves. O maior incremento que se deu en Marín foron os roubos en interior de coches aparcados, dado que se pasou de 3 a 13 denuncias. A Policía Nacional vai despregar un operativo especial en Marín para cortar esta tendencia.

No territorio rural da provincia de Pontevedra, ámbito da Garda Civil, a delincuencia experimentou unha subida dun 4,46%, pasando de 2.185 a 2.275 denuncias. Neste caso a estatística recolle unicamente os meses de xaneiro e febreiro. Con todo o volume de crecemento é similar ao mesmo período do ano anterior.

A análise estatística das catro comisarías da Policía Nacional acredita que baixan a práctica totalidade das modalidades delituosas. Destacan as agresións sexuais con penetración (-47,6%), os roubos con violencia en vivendas (-33,3%), os roubos con forza en vivendas (-28,5%), os roubos en establecementos comerciais (-71,5%) e os roubos no interior de vehículos aparcados (-29,6%), isto último a pesar da tendencia contraria en Marín.

A estatística tamén acredita que as estafas con tarxetas e outras modalidades de ciberdelincuencia crecen un 13,86% no territorio da Policía Nacional e un 33,3% no da Garda Civil.

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, valorou que "temos a enorme sorte de vivir nunha provincia extraordinariamente segura nun país extraordinariamente seguro, como é España", afirmou.

SEGURIDADE VIARIA

Respecto da seguridade viaria o primeiro trimestre foi "extraordinariamente bo", segundo indicou Losada.

Rexistráronse 4 persoas falecidas en accidentes de tráfico en vías interurbanas, o que representa un 50% menos que as 8 que faleceron no mesmo período do ano pasado. Entre as 4 vítimas mortais, dúas eran usuarios vulnerables, un condutor de ciclomotor falecido en Ribadumia e un motorista en Gondomar.

No mesmo período houbo 240 feridos graves (cifra equivalente á do primeiro trimestre do ano pasado) e tamén se produciron un total de 292 accidentes, que son un 30% menos que os 217 do ano anterior. Finalmente, houbo 842 alcoholemias positivas (215 menos que no primeiro trimestre de 2024), pero 672 positivos por drogas (151 máis).

VIOLENCIA DE XÉNERO

En canto ás estatísticas de violencia de xénero, hai un total de 1.830 vítimas protexidas polo sistema VioGén, das que non hai ningunha en risco Extremo, 22 no alto, 285 no medio, 823 en Baixo e 700 en risco Non Apreciado. Ademais hai 9 vítimas menores de idade con protección.

Un total de 985 vítimas están baixo o amparo da Garda Civil, 474 da Policía Nacional, 96 da Unidade Adscrita da Policía Nacional e 275 das policías locais.

Ademais do subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, na Xunta Provincial de Seguridade participaron o comisario xefe provincial, Juan José Díaz; o comisario de Vigo, Ramiro Gómez; o tenente coronel da Garda Civil, Óscar Grañas; o capitán da Garda Civil de Tráfico, Antonio Piteira, e a xefa da Unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación, María José Rodríguez.