Cheo en Raxó para ver a estrea de 'Chumbalagatas' da Aula de Teatro de Pontevedra

Pontevedra
20 de maio 2018

A agrupación de formación teatral pontevedresa presentaba este espectáculo de elaboración colectiva no Centro Cultural Xaime Illa Couto, dentro de Poio Escena, nun evento organizado pola Sociedade Cultural e Deportiva de Raxó con motivo do Día das Letras Galegas

'Chumbalagatas', da ATM Pontevedra ATM Pontevedra

O Centro Cultural Xaime Illa Couto de Raxó, no municipio de Poio, encheuse de público para ver a estrea dunha nova montaxe da Aula de Teatro Municipal de Pontevedra, 'Chumbalagatas'.

A obra creada polos integrantes deste espazo de formación teatral a partir de experiencias propias ofrece unha crítica ao uso abusivo do teléfono móbil na sociedade actual e ao caos comunicativo que se produce coa utilización das conversas de grupos en whatsapp.

Ademais a obra ofrece monólogos sobre divertidas situacións cómicas no universo da psicoloxía, da creación artística ou das incontinencias físicas. A obra está interpretada por Begoña Díaz, Alexandra Vicente, Carmen Díaz, Pilar Boullosa, Laura Goldar, Rocío Gómez, Sara Hermida, Noa Castro, Lara Castro, Nuria Ordóñez, Antonio Morillo, Luis Antonio Martínez, Pablo Currás, Luis Portas e Miguel Trassierra, con deseño de cartelería de Laura Cruixeiras, deseño de iluminación de Ledicia Seoane e coordinación de Anxo Lourido.

A obra intégrase na programación de PoioEscena e estaba organizada pola Sociedade Cultural e Deportiva Raxó.

A vindeira función de 'Chumbalagatas' será o 30 de xuño nunha función especial e matinal no Centro Penitenciario da Lama para internos deste espazo.