A biblioteca municipal de Poio trae novidades para este mes. Durante todo novembro acollerá un ciclo de cine clásico, unha proposta que pretende recuperar o espírito dos antigos cine clubes e poñer en valor o seu papel social e cultural.
A concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, explicou que a iniciativa busca "recrear ese espírito comunitario das proxeccións colectivas e achegar o cine clásico a públicos de todas as idades".
As sesións serán todos os venres de novembro ás 17:00 horas, no baixo da biblioteca, con entrada de balde ata completar aforo. O ciclo arrincará coa inesquecible City Lights de Charles Chaplin e continuará con grandes títulos como El Verdugo (Luis García Berlanga), A Night at the Opera (irmáns Marx) e Singing in the Rain (Gene Kelly).
A programación cultural continúa en decembro co Mercado Literario, unha actividade de intercambio de libros que fomenta a lectura e a reutilización. Cada participante poderá entregar ata tres libros en bo estado e trocalos por outros títulos doados.
Ademais, a biblioteca prepara diferentes centros de interese sobre a loita contra a violencia machista, a decoración de Nadal xunto cos usuarios e o xa tradicional sorteo da Lotería de Libros, que premiará cunha cesta literaria ás persoas máis lectoras do mes.
E para quen lle guste ler con retos, segue en marcha o Reto Lector 2025, que propón cada mes unha temática diferente: en novembro, unha novela epistolar, e en decembro, un libro publicado no ano de nacemento do participante.
SAUDEMENTE
Preto de 130 persoas maiores de 60 anos participan este curso no programa Saudemente, unha iniciativa do Concello de Poio que percorre todas as parroquias co obxectivo de coidar tanto o corpo como a mente.
O programa, que combina exercicio físico moderado, estimulación cognitiva e actividades lúdicas, busca que as persoas maiores se sintan activas, acompañadas e motivadas. "Trátase dunha etapa da vida na que o cese da actividade laboral pode levar ao illamento. Por iso é tan importante ofrecer espazos de encontro e convivencia", sinalou o alcalde Ángel Moldes durante a inauguración celebrada no Espazo Municipal da Ucha, que este ano se estreou como novo punto de encontro con todas as prazas cubertas.
As sesións tamén se desenvolven na Casa Rosada, A Seca, Campelo, Raxó, Samieira, Combarro e Vilariño, levando o espírito de Saudemente a todo o municipio.
Esta actividade compleméntase cunha ampla oferta municipal que inclúe pilates, ioga, taichí, corte e confección, labores do mundo, coro e teatro. Todas comparten un mesmo obxectivo que é fomentar un envellecemento activo e saudable, potenciando a autonomía e a calidade de vida.